Rouban uns 650 kg de marisco dunha batea da Xunta que pode ser un "perigo potencial" se se introduce no mercado

O subtraído correspóndese con ameixa pertencente ás confrarías de Ferrol, Barallobre, Miño e Corcubión.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2019 | Actualizada ás 10:57

Comparte esta noticia

Uns 650 quilogramos de marisco, principalmente ameixas, foron roubados da batea situada na zona exterior da Ría de Ferrol, na enseada de San Cristóbal, e que é utilizada para reparquear e desta maneira depurar aquel marisco que é extraído en zonas catalogadas como C, que non se pode comercializar para a súa venda en fresco, e necesitan un tempo en augas limpas para a súa rexeneración.

O roubo produciuse en madrugada do pasado luns, 2 de decembro, e foi descuberto nas primeiras horas da mañá desta xornada polo persoal da empresa pública Seaga, que é a encargada da xestión desta batea, tras o que presentou unha denuncia no cuartel da Garda Civil de Fene (A Coruña).

Por parte da Consellería do Mar condenouse este roubo e indicouse que será a empresa Seaga a que "indemnizará ás confrarías co valor do produto ao prezo actual do mercado".

ATA CATRO CONFRARÍAS AFECTADAS

Segundo trasladaron por parte da Consellería que dirixe Rosa Quintana, o marisco roubado é "fundamentalmente ameixa, e "pertencía ás confrarías de Ferrol, Barallobre, Miño e Corcubión". Ademais das diferentes especies, tamén desapareceron unhas 300 caixas plásticas e 70 cestos nos que se reinstalan os moluscos.

Por parte do goberno da Xunta apuntan que este roubo motivou "a interrupción do sistema de depuración natural destes moluscos e supón un risco polo perigo potencial que pode supor a súa introdución de maneira ilegal no mercado", ao mesmo tempo que "un prexuízo para o labor dos profesionais do sector que levan o marisco á batea a depurar para posteriormente" comercializalo a través das canles legais e con garantías.

"Facemos un chamamento á cidadanía para que compre só produtos procedentes das canles legais, os únicos que contan con todas as garantías para o seu consumo", sinalou a Consellería do Mar. "Lembramos o dano que a actividade irregular fai aos profesionais do sector dada a importancia socioeconómica que as actividades pesqueira e marisqueira teñen na Comunidade", abundou.

Por parte dos depósitos na Ría de Ferrol estiman que esta acción delituosa "debería de facer recapacitar ás autoridades competentes, para que reforcen a vixilancia en toda a ría, xa que ademais dos furtivos agora xa temos ladróns a gran escala".

Ameixas
Ameixas | Fonte: Dianaccm08 en Wikimedia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta