A CIG recorre no xulgado o peche do paritorio de Verín

Pide a suspensión da orde.

Por E.P. | OURENSE | 05/12/2019 | Actualizada ás 12:56

Comparte esta noticia

A CIG presentou un recurso contencioso administrativo contra a orde de peche dos servizos de paritorio e Pediatría de Urxencias do Hospital de Verín e solicitou a adopción dunha medida cautelar de suspensión deste mandamento.

Así o informou esta organización sindical nun comunicado, no que explica que o pasado día 4 presentou o recurso no Xulgado do Contencioso Administrativo de Ourense contra a "interpretación parcial" da xerencia da área sanitaria de "unhas recomendacións (non normativas) que aconsellan a non apertura de novas maternidades en zonas con posibilidades inferiores a 600 nacementos ano".

"Esquecen que tamén propoñen a revisión e avaliación das opcións, non o peche, das maternidades xa abertas con partos inferiores aos 600 ao ano". Por iso, a CIG critica a "incongruencia da motivación" da xerencia sanitaria para "xustificar o peche do paritorio do Hospital de Verín e manter abertos os de seis hospitais comarcais de Galicia restantes que tampouco alcanzan esa cifra".

Ademais, argumenta esta central sindical que presenta recurso porque "a EOXI para esconder a falta de dotación de pediatras do Hospital de Verín xustificou a decisión de supresión na baixa natalidade da zona e na suposta perda de destreza dos profesionais" cando, matizou, "algúns especialistas nin sequera poderían perder destreza porque non teñen praza en Verín".

Nesta liña, subliña que "un conflito laboral corporativo do colectivo de pediatras de Ourense constitúe o real detonante da decisión que se impugna". "A xerencia da EOXI, tras a xubilación do único pediatra de Verín, atopouse coa presión de ter 1.200 pacientes de Pediatría en lista de espera e para solucionar o problema creado por un lobby corporativo decidiu suprimir un servizo público a toda unha comarca", criticou.

A central sindical tamén reprocha o modo de comunicar o peche, a través de "todo tipo de medios de comunicación", e que "se falsearon as isocronas desde o distrito sanitario de Verín ao Hospital Universitario de Ourense", ao situalas en 43 minutos "cando ese tempo só se cumpre nun concello dos 11 do distrito sanitario".

ALEGACIÓNS

A CIG explicou no seu comunicado que unha vez admitida a trámite a medida cautelar polo xulgado, "o Sergas dispón de cinco días para facer alegacións que estime oportunas fronte á solicitude" deste sindicato. Tras iso, a autoridade xudicial "resolverá sobre se acepta ou non a suspensión da orde de peche do paritorio de Verín mentres se sustancia o recurso contencioso administrativo interposto", puntualizou.

Respecto diso, o sindicato concreta que "de aceptarse a medida cautelar", a orde de peche "quedaría suspendida", o que implicaría que o paritorio do Hospital de Verín continuará aberto, sinala, "polo menos ata que o xulgado se pronuncie sobre o recurso contencioso interposto".

As matronas protestan contra do peche do paritorio de Verín.
As matronas protestan contra do peche do paritorio de Verín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta