As empresas que se comunican en galego teñen premio

A Cámara acolle a entrega da XXVI edición dos 'Premios de Publicidade en Galego'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2019 | Actualizada ás 18:42

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia acolleu este luns o acto de entrega da XXVI edición dos 'Premios de Publicidade en Galego', convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta coa colaboración da Cámara galega e do Foro Enrique Peinador, con cinco categorías.

O acto foi presidido polo titular do Lexislativo galego, Miguel Santalices, quen reivindicou a importancia da publicidade nos tempos actuais, antes de animar a axencias e anunciantes a usar o galego nas súas campañas.

"Galicia ofrece moitos e moi bos produtos e servizos, aínda que nunha sociedade globalizada, practicamente sen fronteiras económicas, poucas ou ningunha empresa pode prescindir da publicidade para darse a coñecer e potenciar a súa facturación", remarcou.

A continuación, apuntou que resulta "lóxico" que tanto o idioma como os recursos endóxenos de Galicia estean presentes na publicidade que se fai en Galicia, como sucede cos anuncios galardoados nesta convocatoria.

Así, felicitou a anunciantes e axencias "pola excelencia conseguida" nos produtos anunciados, e tamén pola decisión de facelo en galego, coa seguridade de que esta aposta "será recompensada polos consumidores".

"NOTABLE TALENTO CREATIVO"

Ao tempo, puxo de manifesto o "notable talento creativo" das axencias publicitarias galegas, "en pé de igualdade con calquera outra comunidade ou territorio".

O presidente do Parlamento de Galicia felicitou expresamente ao IES de Leixa, gañador na categoría de centro educativo co traballo titulado Stop-Bullyng, unha iniciativa que, na súa opinión, "demostra que a mocidade non só será a xeración mellor formada de todos os tempos, senón que esa capacitación profesional vai acompañada dunha sensibilización en valores humanos, clave para construír unha Galicia mellor que a actual".

PREMIOS

Na categoría de radio resultou gañador o traballo titulado 'Benvidos Novos Larseiros!', da empresa Larsa e a axencia BAP Conde. Así mesmo, en televisión, o premio recaeu no traballo 'Martín Códax, Fillo do Atlántico', da empresa Martín Códax e a axencia &Rosás.

O premio da categoría internet foi para o traballo titulado 'Queixos HOXE', da Cooperativa HOXE e a axencia Pío García Audiovisuais. Na categoría de prensa escrita, o recoñecemento foi para o traballo 'Martín Códax, Fillo do Atlántico', da empresa Martín Códax e a axencia &Rosás. Finalmente, dentro da categoría centro educativo, resultou premiado o traballo 'Stop_Bullyng', do IES Leixa.

O presidente do Parlamento foi precedido no uso da palabra polo presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González, e polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Entrega dos XXVI Premios de publicidade en galego. PARLAMENTO DE GALICIA - Arquivo
Entrega dos XXVI Premios de publicidade en galego. PARLAMENTO DE GALICIA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta