Feijóo di que se algún pediatra quere traballar en Verín sería contratado "antes de comer"

A CIG asegura que as prazas de pediatría de Verín non se cobren polo "atraso" na publicación das listas.

Por Europa Press / Redacción | Verín | 13/12/2019 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistiu este venres no problema de falta de pediatras e, en concreto, aludiu ao hospital comarcal de Verín, onde se volveron a convocar dúas prazas para esta especialidade. De feito, asegurou que, se aparece algún pediatra que desexe traballar na localidade ourensá, poderíaselle contratar "antes de comer".

Preguntado acerca de se a falta de pediatras non se pode liquidar cunha contratación, o presidente replicou que se podería contratar "esta tarde". "Se hai algún disposto a traballar no hospital de Verín, podémolo contratar antes de comer. Non creo que se poida dicir de forma máis clara. Se hai algún pediatra que queira traballar en Verín, contratámolo antes de comer", aseverou.

Ao tempo, lembrou que se volveron a sacar as prazas de pediatría que quedaron desertas en xuño e sinalou que se trata dunha "gran oportunidade", xa que "todos os pediatras que traballen en calquera lugar e que teñan un título homologado en Europa teñen á súa disposición dúas prazas no hospital de Verín".

E é que Feijóo sinalou que "o problema asistencial" para atender aos bebés que nacen no hospital "só se pode resolver" con pediatras. "Sen pediatras non podemos garantir a seguridade para os nenos", dixo o presidente. Por iso, asegurou que entende que se as prazas de pediatría son cubertas en Verín e o parto non é complicado, os profesionais de xinecología e pediatría consultados volverán recomendar reabrir o paritorio.

CRÍTICAS DA CIG

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, nun acto en Santiago. XUNTA
O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, nun acto en Santiago. XUNTA | Fonte: Europa Press

Por outra banda, a CIG Saúde asegurou que as prazas de pediatría do Hospital comarcal de Verín, en Ourense, non se cobren porque o Servizo Galego de Saúde (Sergas) leva un "atraso" de "oito meses" na publicación das listas. Nun comunicado remitido aos medios, a CIG esixiu a "inmediata publicación" da listaxe provisional do persoal licenciado sanitario de hospital convocadas no marco do pacto de selección temporal do Sergas, publicado no DOG o 18 de decembro de 2018.

O sindicato nacionalista lembrou que no DOG do 23 de abril de 2019 publicouse a resolución do Sergas pola que se inicia o prazo para a inscrición do persoal facultativo do hospital nesas listas de selección temporal. "Transcorridos máis de oito meses, o Sergas nin sequera publicou a lista provisional de admitidos", indicou.

Nestas listas de contratación pode haber pediatras para ser contratados polo Sergas pero, segundo denuncia a secretaria nacional de CIG Saúde, María Xosé Abuín, "a parálise desta administración impide resolver casos como o de Verín".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Haber QUEN MINTE,os dous no podedes TER RAXON...