Tellado critica que a Xunta "non ten ningunha información" do Goberno sobre o AVE

"O futuro de España depende de Adriana Lastra e de Gabriel Rufián", asevera o secretario xeral dos populares galegos.

Por E.P. | | 13/12/2019 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, volveu criticar este venres que "o único compromiso" do Executivo central é "que non se van a cumprir" os prazos marcados para a chegada do AVE a Galicia. De feito, aseverou que a Xunta "non ten ningún tipo de información por parte do Goberno de España que lle permita coñecer as datas previstas".

Na súa habitual rolda de prensa dos venres, o número dous dos populares galegos apuntou que faltan "apenas tres semanas" para que termine o 2019 e "o prazo para a finalización" das obras da alta velocidade. Estas datas, lembrou, foron marcados polo Goberno de Mariano Rajoy e o de Pedro Sánchez "fíxoas súas".

"O único compromiso é que non se vai cumprir. Iso sabémolo, ratificado polo delegado do Goberno en Galicia --Javier Losada--", asegurou.

Así, aproveitou que este venres e este sábado a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, se atopa en Galicia para suxerir que "aclare cales son os prazos actuais que manexa" o Estado "se é que, en efecto, os coñece ela mesma".

"Sería todo un avance, porque xa vimos que os membros do Goberno de Sánchez só veñen a Galicia a dar mitins e nunca a falar das cuestións que lle interesan aos galegos", engadiu Tellado.

INDUSTRIAS ELECTROINTENSIVAS

Así mesmo, o secretario xeral do PPdeG volveu advertir da "difícil situación" na que se atopan as industrias electrointensivas "como Ferroatlántica en Sabón ou Alcoa en San Cibrao".

Para Tellado, isto é unha mostra da "falta dunha axenda industrial" por parte do Goberno do PSOE. A iso engadiu o "dobre castigo" que supuxo a nova poxa de interrumpibilidade, porque "eliminou" os bloques de 40 megawatts e "só permitiu" optar aos paquetes de 5 megawatios, que "non resolven o problema de competitividade".

Así, criticou que mentres en 2018 as empresas electrointensivas en Galicia recibían 150 millóns de euros en total, para o primeiro semestre de 2020 "supera apenas os 62 millóns" para "toda España".

Tellado tamén lamentou que "nada se sabe de cando o Goberno de España aprobará o estatuto para consumidores electrointensivos" despois de que "en febreiro o prometeron para maio" e que "en outubro dixeron que estaba redactado pero que non o ían presentar ata pasadas as xerais" de novembro.

"Un estatuto que é un símbolo do que fai Pedro Sánchez con Galicia. Nin busca solucións aos problemas nin aproba as solucións que lle ofrecen os demais", engadiu, en referencia ao borrador de estatuto elaborado e proposto pola Xunta.

"DIFERENZAS" ENTRE GALICIA E O ESTADO

Finalmente, o número dous do PPdeG remarcou as "diferenzas" entre o Goberno de Alberto Núñez Feijóo, cuxas contas do próximo ano entrarán en vigor "como corresponde", o 1 de xaneiro do 2020 --a maioría absoluta dos populares no Parlamento permitirán a súa aprobación a próxima semana--; e o de Pedro Sánchez, que abrirá o 2020 "cos Orzamentos de Mariano Rajoy de 2018 prorrogados e aos que eles mesmos (os socialistas) votaron en contra".

Este panorama, segundo Tellado, é "signo inequívoco da estabilidade política e económica que vive" Galicia a menos dun ano das próximas eleccións autonómicas. "É unha mostra máis de que en Galicia e no Goberno central hai dous modos ben distintos de entender a política, de entender a xestión e de entender a cousa pública", apostilou.

Finalmente, afeou que o Goberno que pretende formar o PSOE estará "en mans dos independentistas e os populistas". "O futuro de España depende de Adriana Lastra e de Gabriel Rufián", aseverou.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, en rolda de prensa.. PPDEG
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, en rolda de prensa.. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta