CC.OO confía en que o TS recoñeza a carreira profesional aos colectivos excluídos no decreto do Sergas

"O Servizo galego de saúde fixo caso omiso á sentenza que había e pasou polo forro esa recomendación", apostilou Emilia Lamas, avogada de Comisións Obreiras.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2019 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

O sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) confía en que o Tribunal Supremo (TS) ratifique a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que obriga a estender a carreira profesional aos colectivos inicialmente excluídos no decreto do Sergas que o regula. Así o manifestaron este luns en rolda de prensa a secretaria xeral da Federación de Sanidade de Comisións Obreiras, Emilia Lamas, e a avogada do sindicato, Lidia de la Iglesia, que compareceron acompañadas polo exsecretario da Federación de Sanidade que iniciou o proceso xudicial, Ángel Cameselle.

Emilia Lamas lembrou que o proceso para reivindicar a carreira profesional para todo o persoal comezou en outubro de 2017 coa firma da acta de fin de folga na que figuraba o comezo da negociación para todo o persoal do Sergas. Posteriormente, sinalou Lamas, en 2018 iniciouse a negociación dun decreto de carreira profesional para o persoal do Sergas que culminou coa firma do documento por parte do resto de sindicatos da mesa sectorial, salvo Comisións Obreiras e O'Mega.

"Comisións insistiu na necesidade de que fóra de ámbito de aplicación "todo o persoal do Sergas", sinalou Lamas, e o Servizo Galego de Saúde "dicía que non, que era imposible". Tras iso, este sindicato presentou un informe xurídico que "facía referencia a sentenza e a normativa europea".

A pesar diso, insistiu Emilia Lamas, "o Sergas fixo caso omiso á sentenza que había e pasou polo forro esa recomendación", apostilou. CC.OO. defendeu na súa denuncia xudicial o carácter "discriminatorio" do decreto "por ir en contra de toda a normativa". "Grazas ao TSXG, os tribunais rectifican unha vez máis á Administración e arranxan o que a Administración e as entidades asinantes fixeron", destacou Lamas, que valorou que o fallo do alto tribunal galego "anula artigos que discriminan ao persoal".

"CASO OMISO"

Lamas insistiu en que o Sergas fixo "caso omiso" das "recomendacións dos seus servizos xurídicos" que lle advertiron de que non se debía excluír ao persoal polo vínculo temporal. Tamén destacou que Comisións Obreiras solicitou o pasado venres na mesa sectorial ao Sergas e sindicatos asinantes do documento que deixasen sen efecto o decreto "e non obriguen a acudir os traballadores aos tribunais", mentres non haxa resolución do Supremo, tras o recurso presentado pola Xunta.

Rolda de prensa de Comisións Obreiras
Rolda de prensa de Comisións Obreiras

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta