A gran manifestación contra o "desmantelamento" da sanidade xa ten data: 9 de febreiro

SOS Sanidade Pública creará unha "comisión de traballo" plural e proporá ás plataformas das áreas onde hai hospitais comarcais que o día 28 de decembro organicen accións de protesta "contra o desmantelamento" destes centros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2019 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

A plataforma SOS Sanidade Pública acordou fixar para o próximo 9 de febreiro a "gran manifestación" que celebrarán en Santiago de Compostela para protestar contra o "desmantelamento" dos hospitais comarcais, a "deterioración da atención primaria" e a "precariedade laboral" do persoal sanitario. A protesta será a partir das 12,00 horas con saída desde a Alameda.

Para perfilar esta manifestación, SOS Sanidade Pública creará unha "comisión de traballo" plural e proporá ás plataformas das áreas onde hai hospitais comarcais que o día 28 de decembro organicen accións de protesta "contra o desmantelamento" destes centros.

Segundo aseguraron os integrantes da plataforma, os participantes no Consello Técnico de Atención Primaria informaron "da actitude boicoteadora da Administración sanitaria galega, que en seis meses foi incapaz de pechar propostas de mellora".

"As escasas Comisións Sectoriais que terminaron o proceso de debate limitáronse a propor a Carteira de Servizos e o Mapa de Competencias de cada unha das categorías presentes nos centros de saúde, sen incluír outras categorías profesionais que deben estar presentes nos centros de saúde, así como as medidas de mellora de cada categoría, nin recoller as achegas e propostas dos colectivos sindicais e profesionais", criticaron.

A maiores, SOS Sanidade Pública mostrou o seu apoio á "mobilización social e profesional" tras o anuncio de peche do paridoiro do Hospital de Verín e das urxencias pediátricas, e participarán activamente na protesta por este motivo que se celebrará o 17 de decembro ante o Parlamento de Galicia, en Santiago.

Manifestación en contra do peche do paridoiro no Hospital comarcal de Verín
Manifestación en contra do peche do paridoiro no Hospital comarcal de Verín

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta