Unidade Popular Galega?

A Unidade Popular foi unha fronte popular formada por varias organizacións chilenas, constituída o 9 de outubro de 1969 polos partidos socialista, comunista, radical e socialdemócrata, o Movimento de Acción Popular Unitaria (MAPU) e a Acción Popular Independente (API).

Por Óscar Lomba | Vigo | 16/08/2012

Comparte esta noticia

Estes partidos concertaron o pacto da Unidade Popular, cun programa que tiña como obxectivo final a construción dun sistema socialista seguindo a vía chilena ao socialismo, desenvolvida dentro do marco da legalidade constitucional. Lembremos que a Unidade Popular gañou as eleccións logo de obter o 36, 3 % dos sufraxios o 4 de setembro de 1970. Axiña foi elixido presidente polo Congreso chileno Salvador Allende. Un sanguento golpe militar, apoiado polo imperialismo ianqui, acabou con aquela marabillosa experiencia.

 
Galiza non se parece ao Chile de 1970 e cada pais debe procurar o seu propio camiño. De todas maneiras acho que de calquera das experiencias históricas podemos aprender. Vivimos no ano 2012 en noutras latitudes. Non sei se Galiza vive un dos momentos máis cruciais da nosa historia, porén opino que hai motivos para ter esperanza, porque da fronte unitaria que sexamos quen de construír dependerá a rexeneración e o futuro da esquerda en Galiza. Os galegos e galegas estamos aturando unha dereita crecida e autoritaria. Aturamos tamén uns mercados que xogan coa vida e o futuro de millóns de persoas co mesmo alborozo co que se xoga ao dominó e, aínda por riba, aturamos un PSOE que acepta e comparte os intereses máis sórdidos do capitalismo mundial. Só queda unha resposta desde esta pequena parte do mundo á que chamamos Galicia/Galiza. É a resposta da discrepancia, do inconformismo, da loita militante, das arelas por cambiar un sistema que aplica as maiores medidas de protección aos poderosos e a maior das crueldades aos débiles.
 
Moi pronto haberá novamente eleccións ao Parlamento de Galicia, marcadas pola indignación popular e a crise económica e social. As mobilizacións do 15-M revelaron unha separación profunda entre boa parte da cidadanía e a clase política (incluídos os partidos da esquerda). Se unha importante parte da cidadanía tomou a palabra á marxe de partidos e sindicatos é porque a esquerda tradicional foi afastándose do pobo. Moitas e moitos militantes, simpatizantes, ex-militantes ou bases sociais das organizacións de esquerda están convencidos de que as estruturas e os cadros (e cargos públicos) dos actuais partidos non os representan. Eses partidos tenderon á parálise, ao anquilosamento. Entrementres, o poder transformador das nosas sociedades seguiu desenvolvendo estratexias de loita propias e autónomas. A sociedade civil segue a xerar novos xeitos de organización e loita. A indignación pariu un novo xeito de entender a política. A “política” saíu das institucións e transformouse en POLÍTICA e ocupou agora as rúas, as prazas, os centros de traballo, as universidades e as cabezas das novas xeracións educadas no 15M ou das persoas que, tras décadas de “democracia”, manteñen o seu convencimento de que outros xeitos de facer política son posíbeis. Nós podemos e debemos acompañalos neste proceso. Somos parte del, porque nacemos neste 2012 como parte dunha esquerda cidadá que tamén deixara de crer nesa clase política afastada da sociedade. Non debemos renunciar a ningunha vía democrática e transformadora, dentro e fóra das institucións, para loitar por unha Galiza liberada, máis xusta e social.
 
Non podemos quedar calados mentres Mariano Rajoy e Nuñez Feijóo ceden a soberanía do noso país aos mercados. Galiza precisa dunha unidade de acción de todas a esquerda aberta, inclusiva e verdadeiramente transformadora. Creo que Anova - Irmandade Nacionalista, Esquerda Unidae o resto de organizacións que se sumen teremos a responsabilidade de ser axentes fundamentais nun proceso que conduza á unidade de acción do conxunto da esquerda galega. Porén esa unidade de acción debe estar dirixida pola propia cidadanía e as súas organizacións autónomas.
 
É evidente que a cidadanía de esquerdas ten claras reivindicacións comúns como a súa participación efectiva na vida pública ou que a crise a paguen os responsábeis dela no canto dos que a sofren. Tendo en conta todo o exposto, debemos facernos a seguinte pregunta: por que dividir á esquerda en múltiples opcións de voto? Unha das respostas posíbeis sería: Non antepoñamos nin un segundo máis os intereses de partido. Ese chamamento á unidade da esquerda debe ser tamén un chamado aos vellos e novos sectores sociais para facelos participes deste proceso de ilusión colectiva (e para desandar o camiño do afastamento social percorrido nestes anos).
 
A proposta debe ser clara e sinxela, desexamos debater, sen urxencia ningunha, dentro das asembleas do noso partido (pero tamén fóra), a posibilidade de ir ás vindeiras confrontacións electorais dentro dunha Fronte Popular Electoral con Esquerda Unida e outras forzas políticas que estean dispostas a participar. Tamén deberiamos abrir a proposta a Mais Galiza, Ecosocialistas, Bloque Nacionalista Galego, Esquerda Anticapitalista Galega, e outras organizacións sociais, culturais,…que queiran participar nesa fronte ampla sen menoscabo de integrar a outras persoas, opcións e movementos socio-políticos que aglutinen ao conxunto da esquerda transformadora. Pero só cunha coalición das “direccións dos partidos” non entenderiamos a mensaxe da sociedade. A cidadanía non quere directorios que cheguen a acordos e cociñen todo sen consultar á sociedade. Máis que unha coalición, é necesario facilitar o deseño dun instrumento popular ao servizo do pobo galego, recollendo as súas demandas comúns, moitas expresadas polo 15M, movementos sociais críticos ou outras iniciativas diversas -como o Foro Social Galego- e facilitando a participación cidadá. Por iso, a militancia de Anova -Irmandade Nacionalista que subscriba este artigo debería solicitar a convocatoria inmediata dunha asemblea interna onde poidamos trazar e contestar cuestións como:
- Estás a favor de iniciar os trámites para construír unha Fronte Popular Ampla coas principais opcións de esquerda galega (BNG, Esquerda Unida, Esquerda Anticapitalista Galega, Causa Galiza, Nós-Unidade Popular, …), iniciativa aberta ás bases da esquerda social galega, e a outros movementos sociais e políticos do noso país, como fórmula para romper co bipartidismo (PP e PSOE) nas próximas eleccións ao Parlamento Galego?
- Estás a favor de que esta candidatura puidese ser encabezada por candidatos/as con alta lexitimidade, implicación e credibilidade social, aínda que actualmente non fosen militantes de ningún dos partidos políticos desa futura coalición?
- Estás a favor de incluír moitas das demandas principais do Movemento 15-M en Galicia dentro do programa político desa coalición, e asemade demandas históricas dos principais partidos políticos e movementos cidadáns que a conformasen?
- Estás a favor de favorecer a construción de novas ferramentas de toma de decisións abertas, asemblearias e populares (como a celebración de referendos internos e ata consultas abertas á cidadanía) para a toma de posición sobre aspectos non recollidos no programa político desa futura fronte ampla?
 
Coas preguntas que nos fagamos (e as respostas que obteñamos) poderemos pór os alicerces teóricos para comezar a construir esa Fronte Popular (ou organización da Unidade Popular) que Galiza necesita.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar Lomba Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966). Coordinador de Diem25 en Galicia e candidato ás eleccións europeas por Podemos. Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista.