A Universidade de Santiago pide máis recursos á Xunta

O reitor pide que o financiamento do ensino superior se sitúe polo menos no 1% do PIB. A USC aumenta o seu orzamento en 9 millóns de euros, pero advirte de que aínda que "poida parecer" que estea "a crecer" non é así.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2019 | Actualizada ás 19:10

Comparte esta noticia

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela aprobou este venres o orzamento da institución universitaria para 2020, unhas contas que superan os 254 millóns, un total de 9 máis que o exercicio pasado. O reitor da USC, Antonio López, explicou que deste total de fondos, uns 157 millóns irán destinados ao capítulo de persoal, 62 a investigación e catro á amortización da débeda.

O reitor da USC, Antonio López
O reitor da USC, Antonio López | Fonte: Europa Press

Deste xeito, o reitor sinalou que á cantidade restante se debe destinar a gasto corrente, polo que a Universidade de Santiago de Compostela queda cunha "marxe de dispoñibilidade mínima para financiar novos retos".

Ante estas cifras, López sostivo que, aínda que "poida parecer" que a USC estea "a crecer" non é así, xa que eses "incrementos que hai están comprometidos". "Unha parte moi importante ten que ver con incrementos retributivos de persoal, outra parte ten que ver con incrementos de financiamento para actividades de investigación que teñen unha finalidade directa e clara e temos tamén este ano un millón máis referido á amortización da débeda", indicou.

Neste "escenario de rigor e contención", o reitor destacou a aposta da USC pola "redución importante de gastos correntes".

PLAN DE INFRAESTRUTURAS

Na reunión do Consello de Goberno, o reitor sinalou que tamén se deu luz verde ao novo plan de infraestruturas, que aspira a reducir a superficie construída en 25.000 metros cadrados e xerar un aforro para a USC dun millón de euros aos anos.

Entre as súas actuacións máis urxentes contempla a definición na parcela actualmente ocupada pola Facultade de Farmacia dun espazo de concepción modular destinado a distintas titulacións de Ciencias da Saúde.

Así mesmo, aínda que non contempla a construción dunha nova Facultade de Medicina, inclúe a rehabilitación integral do edificio de San Francisco onde se sitúa a actual, así como a reforma doutros edificios históricos como os das facultades de Xeografía e Historia, Química, ou San Xerome e Fonseca, entre outras cuestións.

NOVO PLAN DE FINANCIAMENTO

O reitor lembrou o próximo exercicio trátase do "último" do plan de financiamento do Sistema Universitario Galego 2016-2020. "Proximamente teremos que empezar a traballar coa Comunidade autónoma no que vai ser o ano 2021", asegurou López, que considera que "non se pode prorrogar sen máis o sistema que estaba no plan de financiamento", xa que "a universidade necesita máis recursos para o futuro".

"Fan falla máis recursos", reivindicou o reitor, que considerou que, canto menos, o financiamento dos ensinos superiores debería alcanzar o 1% do Produtor Interior Bruto (PIB) e facer un esforzo polo reforzo da "autonomía universitaria".

Preguntado polas prioridades da USC de cara á elaboración do próximo plan de financiamento das universidades galegas, o reitor da USC considerou que o 2020 será un ano no que "non" será doado aprobar un novo sistema ao tratarse dun exercicio electoral en Galicia.

"Nesta variable se cadra non é fácil abrir toda a negociación e chegar á definición e acordo dun novo plan. Pero si que queremos empezar de forma inmediata a falar de cal vai ser a solución para o ano 2021", manifestou o reitor.

"Pode ser que nos teñamos que arranxar cos criterios do plan vello modificados levemente pero, o que non nos parecería razoable, é que quedásemos nas mesmas contías", manifestou para lembrar que o actual plan arrincou en 2016 nun escenario "de plena crise".

Ademais, conforme sinalou, está "a demostrar unhas carencias importantes" como o feito de que "non cobre os incrementos retributivos do persoal en toda a súa totalidade". "Hai que empezar a falar sobre como vai ser o financiamento de 2021, sendo conscientes de que non vai ser doado poder negociar e pechar un novo plan", indicou.

Precisamente, de cara a esta negociación, o reitor asegurou que "hai moi bo entendemento" entre as tres universidades públicas sobre o que debe de ser o financiamento que as tres institucións galegas reciban da Xunta.

OUTROS ASUNTOS

Ademais da aprobación das memorias definitivas dos graos en Bioquímica e Empresa e Tecnoloxía, outras cuestións abordadas foron os criterios de adscrición para a oferta de 19 prazas da convocatoria do programa Ramón y Cajal 2019, a convocatoria e comisións de selección de prazas de profesorado con vinculación permanente ou os regulamentos de TFG de varias titulacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta