Por Paco Gallego | Santiago de Compostela | 19/08/2012 | Actualizada ás 09:43
Atopámolo no NH Hoteles, cun sorriso que convida á conversa. Quen é Roi Casal?
Roi Casal: É un músico galego que toca a harpa e que tenta facer as cousas ben...
GC Tendencias: Fillo dun gaiteiro chamado Nando Casal...
Roi Casal: É a primeira referencia que habería que facer. Proveño dunha familia de músicos. Meu pai fundou con dezasete anos Faíscas do Xiabre, que acadou un prestixio moi grande facendo música tradicional. Despois xuntáronse con Rodrigo Romaní e Antón Seoane. Tamén chegou unha violinista excepcional: Laura Quintillán e o fraoutista, Méndez.
GC Tendencias: Comezos dos oitenta...
Roi Casal: Eu nacín no ano 80. Teño o recordo de cando con tres anos eles chegaban de Dublín, onde gravaban, co vinilo que traían. Metíamonos na "habitación da música" a escoitalo. Nas casas que tivemos sempre unha habitación estaba dedicada á música. Alí estaban as gaitas, piano...Pasei por moitos instrumentos.
GC Tendencias: Cantos instrumentos tocaches logo?
Roi Casal: Violonchelo, oboe, gaita...pero tócoa na intimidade...e finalmente acabei cun instrumento polifónico como a harpa. Buscaba algo máis que a concepción melódica da música. Puido ter sido o piano, pero vin como máis característico desta terra unha harpa. É un instrumento que xa figura no Pórtico da Gloria.
GC Tendencias: Como aprendiches?
Roi Casal: Como a inmensa maioría da xente, de forma autodidacta. Con dezaoito anos tiven a sorte de recibir clases de Romaní, e posteriormente dous anos en Madrid de harpa clásica.
GC Tendencias: E de súpeto...Milladoiro...
Roi Casal: No ano 2000 Romaní deixa Milladoiro. Eu tíñame chapado todos os temas do grupo, así que cando me quixen dar de conta estaba xa subido ao escenario nun concerto en Madrid con xente como Ana Belén, logo veu Chicago, unha xira de vinte concertos en Tokio...Visto coa distancia do tempo, creo que fun capaz de asumir o reto de pasar da nada ao todo. Non era consciente. Eu sabía quen eran eses músicos, claro. Eran amigos de meu pai, viñan por casa...Estiven dez anos. Tentei facelo o mellor posible e non cambiar o espírito do grupo.
GC Tendencias: Isto condicionou a túa carreira dalgunha maneira?
Roi Casal: Moitísimo. Naquel tempo en que comecei a tocar con Milladoiro estaba a piques de sacar o meu primeiro traballo. Tiven moita sorte. Esta entrada fixo que o reconsiderase. Posteriormente deime de conta de que tería sido un erro sacalo. En 2009, e coas cousas máis claras, saquei Ninfa das frescas augas, un tema internacionalmente recoñecido que aparece no disco Lendas douradas, que foi o disco máis vendido en 2009 en Galicia, e logo Maxicamente Vello. Agora estamos co terceiro.
GC Tendencias: Pero estabas xa fóra de Milladoiro totalmente?
Roi Casal: Ata Lendas Douradas estaba co grupo. Foi xusto nese momento cando vimos que non podía seguir. Dúas xiras ao tempo eran inviables. Eu non quería quedar mal con Milladoiro...Iso nunca. Falamos e decidimos que xa era tempo de camiñar eu polo meu propio camiño.
GC Tendencias: Maxicamente Vello...
Roi Casal: Foi a nosa consolidación. A banda soa por fin co seu propio son logo dunha gran xira. Agora acabamos de presentar Vai alborexar, que é un adianto do terceiro traballo, onde incidimos nesa progresión.
GC tendencias: Adiantades este tema como unha forma de aperitivo ou para ir tanteando o terreo?
Roi Casal: É moi interesante iso. Foi algo que falamos na banda. Tiñamos este tema gravado...Por que non ensinarllo á xente? Por que agardar a rematar o novo disco? Preparamos o tema para darlle un acabado que permitise presentalo publicamente e soltámolo...Pensamos facelo con dous ou tres temas máis ata que presentemos o disco completo como unha unidade, un concepto, un conxunto homoxéneo. Non será unha mera suma de temas en plan: grandes momentos de fulanito e xa está.
GC Tendencias: A industria músical está a cambiar.
Roi Casal: A industria músical está a cambiar, si. Os novos tempos así o indican. As discográficas quedaron totalmente fóra de xogo. Non me dan pena ningunha. Foron superconservadoras. Agora que se adiquen a outra cousa. Os músicos podemos ter unha relación moi directa co noso publico e non penso renunciar a iso. Cando me chaman dalgunha delas polo meu novo traballo nin me intereso. Controlamos todo o proceso, traballamos directamente cos distribuidores...de xeito profesional, iso si.
GC Tendencias: Se busco os teus traballos nunha gran tenda de música, por onde comezo? Pop ou folk?
Roi Casal: Se vas ao Corte Inglés tes que buscarme en "Música Regional Gallega"...manda carallo...(Risos). Non sei. Pop tampouco somos, aínda que estiramos a sonoridade o que podemos. Nacemos dende o folk, sen purismos, pero sempre dende aí. O que sen dúbida foi o gran descobremento da banda é Silvia Ferro, unha voz que me conquistou dende os primeiros minutos. En canto a escoitei souben que ela era a persoa máis acaída.
GC Tendencias: E como pensas que acolle o público a túa proposta?
Roi Casal: Eu vexo que deixamos nos concertos a moita xente enganchada...A xente posiblemente pensa..."outro folkie, claro, que vén de Milladoiro"...Pero logo gostan de nós, o que se ve nas vendas dos discos nos concertos. Isto permítenos non depender nin de discográficas, como che dixen, nin da Xunta. Isto último foi un dos grandes males da nosa música, poñamos as cartas sobre a mesa. A cultura de que a nosa música ten que ser subvencionada e a de fóra non está a rematar. Cada un vai valer o que o público diga que vale...
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.