Temas: FESTAS NADAL

(Vídeo) Así celebran o Nadal os fogares galegos

GC sae á rúa e mais visita o Mercado de Abastos de Compostela para comprobar como se preparan estas festas e que maneiras ten cadaquén de celebralas.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/12/2019 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O Nadal é unha época de xuntanzas, de agasallos, de luces cálidas e de bos xantares. Cada familia ten o seu xeito especial de celebralo: nalgúns casos son moitos á mesa, noutros xúntase a familia máis achegada, hainos cantareiros, hainos de bo dente, tamén están os que fan longas sobremesas e os que levantan máis axiña, algúns celebran o Papá Noel, outros os Reis Magos, outros o Apalpador... 

Árbore de Nadal
Árbore de Nadal | Fonte: GC

Pode gustar máis ou menos, pero do Nadal non es quen de librarte. E unha vez que estás metida no allo, o que resta é pasalo ben. As formas de facelo son tan diversas coma familias hai no mundo, e por iso, o GC saíu ás rúas da cidade e da aldea para preguntar como se celebra o Nadal nos fogares da xeografía galega. Tal como contan, o que máis gusta destas festas é xuntarse coa familia e desfrutar dun bo xantar ou dunha boa cea. Aínda que nelas se coa ás veces un chisco de política, o habitual é que sexan tranquiliñas. 

Os Reis Magos séguenlle gañando ao Papá Noel, pero este último colleu moita forza nas casas galegas cando chegaron as novas xeracións. Non correu a mesma sorte o Apalpador, que aínda non arraigou dabondo na meirande parte os fogares.

O Mercado de Abastos é o lugar escollido por moita xente para facer os últimos recados gastronómicos para os xantares e ceas destas festas. O marismo segue sendo o prato estrela, por extraordinario e por manxar, contan os pescadeiros. Por iso, engalana moitas das mesas de Nadal nestes días, xunto ao bacallau con repolo ou coliflor. E as carnes non quedan atrás. Ana, unha das carniceiras da Praza, relata que este ano os comensais foron máis recelosos á hora de mercar os produtos, pero finalmente, achegáronse a por ese capón ou ese cordeiro que algunhas familias escollen nestas datas.

Sexa do xeito que sexa, o Nadal está aquí e o que queda é vivilo. Felices festas!

Temas: FESTAS NADAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta