A dopamina dos 'likes': "As pantallas xa son inevitables para os menores, pero o risco depende de como as empreguemos"

A investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Patricia Gómez Salgado, explica que o 97 % dos mozos senten alegría e diversión cando están usando as redes, pero tamén se incrementan a ansiedade, a comparación cos que ven nelas e os riscos de exposición temperá a contidos violentos e sexuais.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 17/10/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Vivimos unha época na que as pantallas acompañan cada respiro. Nos bolsos, nas mochilas, nos corredores dos institutos e nas mesas de estudo, os móbiles converteron o silencio da adolescencia nun fío constante de notificacións, luces e sons. Cada mensaxe é unha microdose de atención; cada like unha chispa de validación. O que antes era un xogo, agora é un hábito. E o que semellaba un espazo de evasión, converteuse no principal escenario da vida social, emocional e mesmo identitaria da mocidade. O fenómeno non é illado nin anecdótico. Diversos estudos, e tamén a experiencia das familias e dos docentes, coinciden en que os adolescentes de hoxe viven en permanente conexión, pero non necesariamente acompañados. A tecnoloxía, que prometía achegar, tamén pode illar. E o impacto sobre a saúde mental, sobre a autoestima e a percepción do propio corpo, é xa unha das grandes preocupacións da sociedade contemporánea.

Tres nenas á súa chegada a un colexio durante o primeiro día do curso escolar
Tres nenas á súa chegada a un colexio durante o primeiro día do curso escolar | Fonte: GABRIEL LUENGAS - Arquivo

As pantallas non son, porén, un inimigo. Son unha ferramenta, unha extensión do eu e unha vía de relación inevitalbe, que hai que aprender a empregar. "A realidade é que é inevitable que os nenos e adolescentes vexan cousas en redes, por iso o importante é acompañar e educar para que o seu uso sexa o máis axeitado posible", advirte Patricia Gómez Salgado, investigadora da Área de Metodoloxía das Ciencias do Comportamento da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ela leva máis dunha década observando como a relación entre os mozos e as tecnoloxías foi mudando, como pasaron de ser usuarios curiosos a dependentes emocionais dun universo dixital que lles ofrece pracer, identidade e recoñecemento instantáneo. Forma parte dende 2010 forma parte da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario (PsiCom) da USC.

A DOPAMINA DOS 'LIKES': O PODER EMOCIONAL DAS REDES

A través das súas propias investigacións e da evidencia científica dispoñible, dende o grupo teñen debuxado un mapa complexo: un universo onde conviven emocións intensamente positivas con riscos reais para a saúde mental. "As redes sociais son para os menores unha fonte inmensa de emocións positivas, pero tamén un espazo de exposición constante e de comparación que pode facer moito dano", reflexiona Gómez. No fondo, o que está en xogo é moito máis que o tempo que pasan diante dun dispositivo: é a construción da súa identidade e da súa saúde emocional. Nun estudo realizado en colaboración con UNICEF en 2021, o equipo constatou que "o 97 % dos rapaces e rapazas dicía sentir alegría nas redes, un 80 % tranquilidade ou relaxación e un 64 % enerxía, euforia ou subidón".

As redes sociais convértense así no lugar onde queren estar. E hai razóns biolóxicas para iso: os likes e os comentarios activan o sistema de recompensa do cerebro, o mesmo que se acende cando comemos ou recibimos un halago. "Só unha minoría asociaba emocións negativas ás redes: un 25 % medo, un 23 % soidade e un 13 % rexeitamento", lembra Patricia. Por iso o impacto emocional é tan potente. Mais ese pracer ten un reverso. "As redes son tamén un escaparate", explica. "A través delas os mozos e mozas amósanse, compáranse e aspiran a parecerse a modelos idealizados", di. Esa comparación constante está relacionada con maior insatisfacción corporal e mesmo con trastornos alimentarios, xa que moitas das imaxes que consumen "están cheas de filtros e son sexualizadas, irreais". O resultado é un aumento da ansiedade e do estrés mental, pero aínda así, "son moitos os que din que se deixasen de usar as redes perderían máis do que gañarían".

Riscos asociados ao uso de móbiles en menores
Riscos asociados ao uso de móbiles en menores | Fonte: Commons - Arquivo

ENTRE O ÚTIL E O PERIGOSO: CONTIDOS E VÍNCULOS QUE MARCAN A DIFERENZA

O impacto das redes, insiste a investigadora da USC, depende en boa medida de como se utilicen. "A clave está en balancear, empregalas dun xeito positivo e minimizar os riscos", explica. Porque os contidos que hai nelas non son neutros: hoxe é habitual atopar discursos de odio, mensaxes machistas, sexistas ou xenófobas camufladas en formatos aparentemente inocentes como os 'Get ready with me'. "Moitas veces, nese tipo de vídeos infiltran mensaxes da ultradereita ou mesmo contidos relacionados coa autolesión e o suicidio", advirte Gómez. E engade que está demostrado que os mozos e mozas máis expostos a este tipo de materiais presentan maiores taxas de condutas autolesivas e ideación suicida. "As redes teñen unha capacidade inmensa para moldear o pensamento, e iso é o que as fai tan fascinantes e tan perigosas ao mesmo tempo", sinala. A adolescencia é unha etapa de busca, e cando esa busca se fai a través dun algoritmo, o risco é que o algoritmo decida quen somos antes de que nós o saibamos.

Ademais, outro dos aspectos que tamén resulta decisivo é que os proxenitores estean atentos a con quen se relacionan os seus fillos e fillas a través das redes sociais. "É fundamental que haxa un acompañamento e que se traballe o pensamento crítico, porque sen el é moi doado confundir realidade con representación", asegura Gómez. Así, afirma que a evidencia científica amosa que as interaccións online con amizades no mundo offline --as do colexio, o pobo ou as actividades extraescolares-- adoitan ser beneficiosas. "Pero cando as relacións son principalmente con descoñecidos, os efectos sobre a saúde mental tenden a ser negativos". A iso súmase outro perigo crecente: o grooming, adultos que se fan pasar por rapaces da mesma idade para obter favores sexuais ou concertar encontros. "Por iso a educación, tanto dende a casa como dende os centros educativos, é esencial", recalca.

O PRIMEIRO MÓBIL: AOS 11 ANOS PODE SER DEMASIADO CEDO

Un dos estudos máis recentes do grupo de investigación do que forma parte Patricia Gómez, publicado na revista científica 'Anales de Pediatría', analizou a idade á que os menores acceden ao seu primeiro móbil e os riscos asociados. "Na nosa mostra, había tres terzos: uns que o recibían aos 11 anos ou menos, outros aos 12 e outros aos 13 ou máis", explica. Ao comparar os extremos, a diferenza era clara: "Os que tiveran o seu primeiro móbil antes dos 11 anos estaban moito máis expostos a riscos na rede: sexting, ciberacoso, consumo de pornografía...". A pornografía, de feito, é unha das preocupacións principais para os investigadores. O acceso temperán é cada vez máis frecuente, mesmo sen buscala activamente. "Moitas veces aparece por casualidade e o problema é que, unha vez aparece, xa non se pode facer coma se non pasara", di Gómez, que resalta que, ademais, "a pornografía actual é bastante agresiva e violenta, e as mulleres adoitan quedar nun lugar pasivo".

Así, as consecuencias son fondas: "Ter acceso a estes contidos violentos a unha idade tan temperá provoca unha desconexión empática nos rapaces que máis a consumen que fai que, posteriormente, cando teñen relacións reais, reproduzan eses patróns e non sexan quen de detectar sinais de incomodidade ou desgusto na outra persoa". Por iso, a investigadora da USC insiste en que é esencial regular cando e como se accede ao primeiro dispositivo. "Hai que decidir cando queremos que os nosos nenos e nenas teñan móbil e logo, cando xa o teñan, acompañalos durante a aprendizaxe", resalta. "Ser pai ou nai nesta era é complicado, pero os riscos en liña, en realidade, son os mesmos que había antes fóra da rede, o que acontece é que agora, simplemente, son máis visibles", afirma.

A FORZA DA EDUCACIÓN E A RESPONSABILIDADE DAS PLATAFORMAS

A investigadora insiste en que a educación é a mellor vacina contra os riscos dixitais. "Os pais e as nais que educan en empatía, asertividade e resolución de problemas tamén están a educar para o mundo online", afirma. Mais advirte de que non toda a responsabilidade pode recaer nas familias, nin sequera nos centros educativos. "As empresas tecnolóxicas deben asumir tamén a súa parte, igual que un bar que serve alcol a menores sabe que non pode facelo", expón Gómez. Así, asegura que "se nas súas plataformas se producen e se reproducen comportamentos ilícitos, tamén é a súa responsabilidade respostar ante iso". A investigadora lembra que as redes sociais chegan arredor dos anos 2000, e que estamos aínda ante a primeira xeración que medrou plenamente conectada. "Avanzouse moito na investigación neste ámbito, pero queda aínda moito por facer, porque todo muda moi rápido", explica.

O que servía no 2015, engade, xa quedou obsoleto. Agora, o foco tamén está na intelixencia artificial e no seu impacto. "Este verán houbo unha familia que denunciou a ChatGPT porque cría que puidera ter algo que ver co suicidio do seu fillo, xa que se produciu despois de que este mantivese conversacións coa IA", comenta. "Por iso é fundamental que a lexislación europea e estatal garantan que as ferramentas tecnolóxicas sexan seguras, igual que se esixe a un medicamento que o sexa antes de poñelo no mercado", demanda Gómez."A tecnoloxía avanza a unha velocidade que a ciencia apenas pode seguir, e iso obríganos a repensar constantemente os métodos e os criterios de seguridade", apunta. Así, o seu equipo da USC continúa traballando para orientar as políticas de prevención e intervención. "Seguimos adaptándonos e estudando as novas realidades para poder axudar", conclúe. E lembra unha idea central: "As pantallas xa están aquí e non imos poder eliminalas; o que si podemos é acompañar, educar e facer que o seu uso sexa saudable".

Riscos asociados ao uso de móbiles en menores
Riscos asociados ao uso de móbiles en menores | Fonte: Commons - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta