O goberno local de Pontevedra traslada o seu "rexeitamento enérxico" á subida de peaxes na AP-9

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2019 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

A xunta de goberno local do Concello de Pontevedra --formado por BNG e PSOE-- expresou na súa reunión deste luns o seu "rexeitamento enérxico" á subida que aplicará Audasa ás peaxes da autoestrada AP-9. En 2020 a peaxe entre Pontevedra e Vigo incrementarase un 2,65%, o que suporá un pago de catro euros en cada traxecto entre as dúas cidades.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, denunciou o "agravio comparativo" que supoñen estas peaxes "porque no 2020 vanse a liberalizar diferentes autoestradas do Estado". "Non entendemos por que no contexto actual Galicia ten que ser o parruliño feo", sinalou.

A representante do goberno local preguntou por que Galicia queda "condenada" a esta posición de "aguante e resistencia", unha situación ante a que demandou solucións para acabar cunha "estafa" que "condena a pagar" aos usuarios desta vía que vertebra todo o territorio galego ata o ano 2048.

Neste sentido, Anabel Gulías lembrou que a "política nefasta" dos sucesivos gobernos estatais agravou esta situación e culpou directamente ao PP como responsable da prórroga da concesión a Audasa ata o 2048. O Concello de Pontevedra considera que as peaxes e o seu incremento para este ano "afecta de forma persoal e ten un impacto económico na contorna", polo que o goberno local cre que o seu papel ten que ser "proactivo" a favor da supresión da peaxe.

Así, Anabel Gulías anunciou que reclamarán ao futuro Goberno de España que tome medidas para lograr que esta autoestrada sexa libre para todos os condutores.

Sinal da peaxe na AP-9 en castelán e inglés
Sinal da peaxe na AP-9 en castelán e inglés | Fonte: A Mesa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta