2020, o ano no que Galicia decidirá entre a continuidade de Feijóo ou un goberno de varios partidos

BNG e PSdeG, únicas forzas con candidato claro á espera de que Feijóo fixe unhas autonómicas que tocarían no outono. O dos Peares mantén a incógnita sobre se volverá presentarse aínda que dirixentes do PPdeG cren que "non ten outra opción". Ás galegas tamén se presentará a ultradereita de Vox.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/01/2020 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

O BNG e o PSdeG son as únicas forzas que no arranque de 2020 teñen xa un candidato claro para as eleccións á Presidencia da Xunta que tocarían dentro duns 10 meses, no outono deste exercicio, se o actual titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, non decide un adianto.

Dentro do PPdeG, todas as miradas diríxense a Núñez Feijóo, á espera de que el anuncie se opta ou non a un cuarto mandato. Farao no primeiro trimestre e o habitual é que esgote os tempos antes de dar a coñecer unha decisión que, como confesou el mesmo nunha entrevista recente con Europa Press, aínda non ten completamente pechada.

En todo caso, dirixentes do PPdeG dan por feito que volverá presentarse, xa que "non queda outra opción", posto que ninguén é capaz de albiscar outro candidato co que os populares mantivesen opcións reais de manter a maioría absoluta.

Desde a contorna de Feijóo, outras fontes consultadas por Europa Press discrepan e, aínda que admiten que sería "o candidato máis potente", remarcan que hai "outros referentes no partido" e que os meses que restan ata o outono, cando tocarían as próximas eleccións autonómicas, son "moitos" para potenciar a outro hipotético aspirante e que tivese opcións.

No que si coinciden as distintas sensibilidades dentro do partido é que, polo momento, non hai no horizonte un adianto electoral nin hai elemento algún que xustifique non esgotar a lexislatura. "Ser previsible" e a mensaxe da "estabilidade" contraposto coa incerteza no escenario político estatal é un dos cabalos de batalla dun partido coa maquinaria "sempre engrasada".

GONZALO CABALLERO, CANDIDATO DO PSDEG

Os socialistas galegos teñen despexado o seu cartel tras a designación do seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, como candidato nun proceso interno que tivo lugar en novembro do ano pasado e ao que non concorreu ningún outro aspirante.

Co seu candidato elixido e á vista dos resultados de todos os comicios que se celebraron ao longo de 2019, fontes do partido sinalaron a Europa Press que ven ao PSdeG "en forma" e "preparado" para a cita electoral, "sexa cando sexa".

"Cando Feijóo decida convocar, o PSdeG estará preparado co convencemento de que este vai ser o ano do cambio tal e como se viu nas convocatorias electorais anteriores", sinalan estas fontes, que subliñan que en Galicia "hai unha maioría de progreso".

Deste xeito, estas fontes aseguran que os socialistas galegos empezan o ano "con moita ilusión e traballo" para demostrar aos galegos que "hai unha alternativa", unha "esquerda na que se pode confiar para encabezar un goberno progresista".

PONTÓN, "VALOR SEGURO"

Do mesmo xeito que os socialistas, os nacionalistas galegos tamén optaron polo seu líder para disputar a carreira autonómica cara ás urnas. Para iso, o BNG iniciou tras as pasadas xerais o proceso interno ao que só concorreu Ana Pontón, quen verá formalizada a súa candidatura no Consello Nacional do BNG que terá lugar o 11 de xaneiro.

Respecto diso, fontes da dirección destacaron o "amplo nivel de acordo interno" que hai no Bloque ao redor da figura de Ana Pontón, a quen ven como "un valor seguro". Unha vez oficializada a candidatura de Pontón, os nacionalistas galegos iniciarán a elaboración das súas listas. Un traballo que, conforme apuntan estas fontes da organización, "ten certa complexidade" tendo en conta que implica "moita garantía democrática".

"Contrástase con toda a militancia e non por vía telemática, que é o moderno, senón pola vía asemblearia, a través do debate, do contraste de opinións, no que realmente se pode formar unha opinión libre e democrática", indicaron.

A INCÓGNITA DO 'RUPTURISMO'

No ámbito do 'rupturismo' todo son incógnitas tras un convulso 2019 que atomizou aos socios que, baixo o paraugas da marca En Marea, lograron ser segunda forza nas autonómicas de 2016. Hoxe, En Marea viaxa soa baixo a dirección de Luís Villares e Anova distanciouse de Podemos e Esquerda Unida tras o pasado ciclo electoral, no que se evidenciou un retroceso nos apoios cara á idea de 'unidade popular' que cambiou o panorama político galego en 2012.

A día de hoxe, só Esquerda Unida conta con candidatos para as autonómicas con Eva Solla como cabeza de cartel. A federación galega de EU tamén tomou a iniciativa na chamada a iniciar o diálogo con Podemos e Anova, que confían en que se dea antes de que conclúa xaneiro.

En Podemos, organización que cre que existe "unha maioría social abafadora" que quere un cambio na Xunta, apelan a respectar os "procesos internos" de cada organización, pero aseguran ter "ben claro o perfil" do candiato á Presidencia do "espazo político".

As relacións de Anova con EU e Podemos arrefriáronse ao longo do 2019. Os nacionalistas consideran que os seus aínda socios na Cámara galega trataron de impor os seus criterios "de parte" e dubidan de que poida funcionar o traslado de En Común á política autonómica.

Agora, renovada a súa dirección nun conclave celebrado hai dúas semanas, Anova chama a iniciar un diálogo "con todas as forzas á esquerda" do PSdeG para a configuración dunha candidatura que "dispute hexemonías". O encargado de pilotalo será o excalcalde de Santiago Martiño Noriega, que podería dar un salto á política autonómica que non quixo tomar fai catro anos, cando figuraba nas quinielas para ser candidato á Xunta.

Do mesmo xeito que Anova, a En Marea de Luís Villares avisa de que non actuará do mesmo xeito que nas pasadas xerais, proceso ao que descartou concorrer para non contribuír á fragmentación das opcións progresistas. O partido que integra o grupo mixto no Pazo do Hórreo fixo un chamamento a BNG e Anova a articular unha candidatura "nacional e progresista" da que exclúe explicitamente a Podemos e EU, forzas que ve supeditadas aos intereses das súas direccións estatais. No entanto, o Bloque non se mostra partidario do ofrecemento e Anova parece máis inclinada a unirse a EU e Podemos.

Cs

Pola súa banda, Cidadáns pechou un 2019 marcado pola perda de apoios do partido a nivel estatal que tamén tivo reflexo en Galicia, onde a organización laranxa quedou en novembro sen os dous deputados logrados nas xerais de abril.

Coa vista posta nas autonómicas e con Beatriz Piñeiro adquirindo peso interno tras asumir o cargo de responsable adxunta de comunicación na xestora nomeada no partido tras a dimisión de Albert Rivera, Cidadáns tentará en 2020 entrar no Parlamento de Galicia, obxectivo que non alcanzou fai catro anos coa xornalista Cristina Losada como cabeza de lista.

"FIN A DÉCADAS DE POLÍTICAS FILONACIONALISTAS"

Fontes de Vox consultadas por Europa Press avanzaron que a formación que lidera Santiago Abascal presentarase en Galicia co "obxectivo claro de ser forza decisiva" no Parlamento de Galicia e "así pór fin a décadas de políticas filonacionalistas".

A formación, con todo, non quixo desvelar polo momento os nomes que barallan para aspirar á Presidencia da Xunta ao asegurar que "as candidaturas" se presentarán "unha vez que se convoquen as eleccións".

"Tal e como anunciou en Ferrol o seu secretario xeral, Javier Ortega Smith, Vox envorcarase na campaña galega" para "continuar co extraordinario crecemento electoral experimentado en Galicia no último ano", sinalan estas fontes.

Ana Pontón e Luis Villares
Ana Pontón e Luis Villares | Fonte: EPG

Pablo Igrexas nun mitin con En Marea. EUROPA PRESS - Arquivo
Pablo Igrexas nun mitin con En Marea. EUROPA PRESS - Arquivo
O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, nun mitin do PSOE en Vigo a 5 de outubro de 2019. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press - Arquivo
O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, nun mitin do PSOE en Vigo a 5 de outubro de 2019. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press - Arquivo
Pablo Casado e Alberto Núñez Feijóo nun mitin en Nigrán (Pontevedra)
Pablo Casado e Alberto Núñez Feijóo nun mitin en Nigrán (Pontevedra)
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 CastelaoPaSogama

A día de hoxe Feijoo perde a maioría absoluta, pero hai que ver que fan Sánchez e Iglesias en Madrid, que poden asustar moito aos galegos. Esta sería a única taboa de salvación de Feijoo. Vox gaña sempre. Se saca deputados, pode coaligarse con Feijoo --aínda que dubido que llo permita a Voz, que apostará por un pacto de Feijoo con Caballero. Se non saca deputados, os votos a Vox van ser dabondo para que Feijoo non acade a maioría absoluta. E a ver se alguén aclara se Puy e Feijoo son masóns.

1 Gamela

O problema non vai estar na Voz senon no que faga e diga Nestor Rego en Madrid (?) Se non anda con coidado vai apañar un montón de votos para VOX (por rebote) e aí tes a maioría absoluta do PP e Vox ! En canto a un hipotético pacto PP-PSOE con Caballero e Carmela Silva pactando co BNG non parece que sea posible nin de lonxe...(?) E co resto da esquerda por libre... aquí imos quedar plantados per sécula seculorum !

2 Gamela

Iniciamos o que será o 13 ano consecutivo de alcaldía socialista en Vigo e non se mira cambio algún na política local (seguimos metendo granito de primeira calidade nas aceras e colgando luces) Se acaso agora inicia Corina Porro unha tímida campaña que titulada a Xunta con Vigo (co belén da Catedral en préstamo e un porrón de ONGs que buscan visibilidade) Gonzalito vai ter un problema co seu tío se de aquí ás eleccións este cacique local segue a facer a súa campaña de Vigo contra o Mundo (?) Polo demáis todo segue exactamente igual o peor digan o que digan os medios subvencionados... https://i.gal/gamelaVD

1 rewiu de hemeroteca

Pero non dixo frijoles que era a ultima vez que se apresentaba as eleccions???? non ira agora a incumprir a sua ultima promesa sobre todo despois de non ter incumprida ningún-a...