Socialistas da comarca de Santiago denuncian "carencias" en pediatría e anuncian "medidas de presión" contra Sanidade

Consideran "inaceptables e inasumibles" as "carencias" no servizo dos seus municipios. O Sergas defende que a atención sanitaria aos nenos de Touro e O Pino "está totalmente garantida".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2020 | Actualizada ás 16:09

Comparte esta noticia

Alcaldes e portavoces socialistas da comarca de Santiago criticaron este xoves as "inaceptables e inasumibles carencias" no servizo de pediatría dos seus municipios e avanzaron que porán en marcha nas próximas semanas "medidas de presión" para "esixir un cambio de postura da Consellería de Sanidade".

Reunión dos socialistas da comarca de Santiago.
Reunión dos socialistas da comarca de Santiago.

"Temos un grave problema coa sanidade pública, a Xunta non cobre as ausencias dos pediatras durante as baixas ou as vacacións, o que obriga aos pais e nais a desprazarse para que os seus fillos reciban atención", afirmou Antonio Leira, portavoz do PSOE comarcal.

A situación, denuncian, é "moi preocupante" en concellos como O Pino ou Touro, onde os pais deben desprazarse a Arzúa ou a Santiago cando o seu fillo enferma. Fronte a iso, os socialistas presentarán iniciativas nos plenos municipais e no Parlamento de Galicia e "tomarán outras medidas" en próximas datas.

"É o momento de tomar outro tipo de medidas que iremos anunciando, está en xogo a saúde dos nosos fillos e non queremos esperar a que pase algo grave", finalizou Antonio Leira.

RESPOSTA DA XUNTA

O Servizo Galego de Saúde defendeu que a atención sanitaria aos nenos e nenas dos concellos coruñeses de Touro e O Pino "está totalmente garantida".

Con todo, fontes do Sergas recoñecen que "a inexistencia de pediatras en paro" supón "a imposibilidade de contar con profesionais específicos para realizar substitucións completas temporais".

Tras lembrar que a carencia de pediatras é un problema "de ámbito nacional", indica que nos centros de saúde do Pino e Touro "aínda que non se puido conseguir substituto todos os días, non se produciu demora na atención aos nenos de ambos os concellos, xa que o número de cotas non é elevado".

"Para os días nos que ambos os centros de saúde só contan coa atención de médicos de familia, os pacientes pediátricos poden optar por solicitar atención pediátrica nos concellos de Arzúa ou en Santiago", engaden estas fontes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta