Comezan os despedimentos nas auxiliares de Endesa As Pontes

Xa foron despedidos seis empregados que traballaban no porto exterior de Ferrol e outros catro operarios da central térmica foron avisados de que lles rescindirán os contratos.

Por Europa Press / Redacción | As Pontes | 02/01/2020 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Seis traballadores dunha compañía auxiliar encargados de diversos traballos na terminal de carbón que Endesa ten no porto exterior de Caneliñas, onde chega o mineral importado en barco, foron despedidos e outros catro empregados que realizan o seu labor na central térmica das Pontes de García Rodríguez xa foron avisados que se lles rescindirá o seu contrato.

Concentración de traballadores das empresas auxiliares das Pontes
Concentración de traballadores das empresas auxiliares das Pontes | Fonte: Europa Press

Así o trasladaron representantes sindicais aos traballadores de compañías auxiliares de Endesa cos que se reuniron na tarde deste xoves, 2 de xaneiro, nunha asemblea desenvolvida desde as 17,00 horas na Casa Dopeso, nas Pontes.

Esta situación xerou o rexeitamento por parte de todos os operarios de compañías, xa que Endesa se comprometera a que polo momento non habería despedimentos en ningunha das subcontratas.

RETOMAR AS CONCENTRACIÓNS

Nesta asemblea, que se prolongou por espazo dunha hora e medía e que contou coa participación de representantes de CIG, CCOO e UGT; decidiuse retomar as concentracións semanais dunha hora de duración.

Así, as protestas volverán convocarse todos os mércores entre as 14,30 e 15,30 horas na rotonda da Vilabella, desde onde se accede ao complexo da central térmica.

Na asemblea de traballadores tamén se criticou a actitude a empresa eléctrica por anunciar a petición de peche destas instalacións mesmo antes de realizar as probas coa utilización doutros combustibles, ademais do carbón, para sopesar a viabilidade deste complexo de xeración de electricidade.

Outra das medidas acordadas nesta asemblea foi secundar un paro de 24 horas o próximo 14 de xaneiro, medida de protesta que tamén desenvolverán os propios traballadores de Endesa, co que se espera que a paralización será total na planta e onde só estarán dispoñibles os servizos mínimos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta