PPdeG: "Un país moderado non pode querer un Partido Comunista no exilio, pero tampouco que sente no Consello de Ministros"

O PP galego fala dun Goberno central "secuestrado por nacionalistas" e di que o BNG "podería promover unha consulta" de autodeterminación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2020 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

O secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado, alertou que "se ninguén o remedia" o debate de investidura que arrinca este sábado no Congreso dos Deputados deparará un Goberno central "co Partido Comunista sentado no Consello de Ministros" e que estará "secuestrado polos nacionalitas" que, segundo o popular, "ameazan a unidade de España".

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado | Fonte: Europa Press

Tellado lamentou que a investidura do socialista Pedro Sánchez suporá "inaugurar" unha "nova e peor España" que "levará por primeira vez ao Partido Comunista a sentar no Consello de Ministros" e converterá ao líder de Podemos, Pablo Iglesias, "na quinta autoridade máis importante" do Estado.

Para Tellado, "non é unha boa noticia" que Sánchez sexa "o líder do Goberno en España", pero "o é menos" que cando o socialista "estea indisposto" a "cara visible" do Executivo español "sexa Pablo Iglesias".

"Un país moderado non pode querer a un Partido Comunista no exilio, pero tampouco pode querer que sente no Consello de Ministros", remarcou antes de lamentar que "nunca ERC foi tan forte, nunca o PNV tivo enfronte un goberno tan débil e nunca Bildu pasou a ter tanto protagonismo".

CRÍTICAS AO BNG

O 'número dous' do PP galego tamén se detivo no papel que está a xogar o único deputado do BNG no Congreso e que podería ser clave para que a investidura de Sánchez saia adiante. "Nunca o BNG soñou con ter unha alfombra vermella na Moncloa", apostilou.

"O BNG de Ana Pontón é tan perigoso para Galicia como ERC o é para a unidade de España", subliñou, antes de apelar aos que "sentan insultados polo poder que teñen os nacionalistas vascos e cataláns" a "frear aos que anhelan unha Galicia de CDRs e lazos amarelos", xa que, segundo Tellado, a formación frontista "podería promover unha consulta de autodeterminación".

Para iso, reivindicou ao PPdeG como garantía de "estabilidade" e de "freo" a que os nacionalistas galegos condicionen un hipotético futuro goberno na Xunta tras as eleccións galegas que se celebrarán este ano 2020.

"Se o PSOE é capaz de pactar unha consulta con ERC, que non sería capaz de pactar o PSdeG co BNG para entrar na Xunta", apuntou Tellado, para o que "esa pregunta lla fan moitos galegos", aos que se dirixiu para dicirlles que "a Xunta sempre será inflexible en defensa dos intereses de Galicia".

Así as cousas, aseverou que ante o inicio dun ano elecotral como é o recentemente arrincado 2020, en Galicia "só hai dous gobernos posibles": por unha banda, a "moderación" que, di, representa o PP e, en fronte, "o vicepresidido polo nacionalismo que ameaza a unidade" de España.

"A nosa eficacia á hora de enfrontar o nacionalismo é demostrable. Fixémolo a única vez que chegaron ao poder aquí en Galicia", aseverou en referencia ao goberno bipartido entre PSdeG e BNG que ocupou San Caetano entre 2005 e 2009, ano no que os populares regresaron ao poder con Núñez Feijóo á fronte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Este peripatético personagem é o papagaio que sempre berra e nunca di nada certo. Assegurou bem o cozido que é o único que lhe importa.