Temas: CGAI CINE

O Centro Galego de Artes da Imaxe celebra o décimo aniversario do Novo Cinema Galego

A etiqueta acuñada en 2010 agrupa a boa parte dos realizadores galegos con maior proxección na última década.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2020 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) dedicará o arranque do ano 2020 a conmemorar o décimo aniversario do xurdimento do Novo Cinema Galego, etiqueta acuñada en 2010 e que agrupa a boa parte dos realizadores galegos con maior proxección na última década.

Fotograma do filme 'O que arde' (Oliver Laxe, 2019)
Fotograma do filme 'O que arde' (Oliver Laxe, 2019)

Nomes como Óliver Laxe, Alberte Pagán, Peque Varela, Eloy Enciso, Xurxo Chirro, Lois Patiño, Jaione Camborda, Víctor Hugo Seoane, Marcos Nine, Ángel Santos, Lara Bacelo, Ramiro Led ou o dúo WeAReQQ estarán presentes na retrospectiva, que dará comezo con dúas sesións gratuítas (11 de xaneiro e 22 de febreiro) nas que proxectarán cinco pezas filmadas entre 2006 e 2010.

O termo Novo Cinema Galego foi usado por primeira vez polo escritor Martin Pawley en 2010 e, desde entón, serve para identificar a unha xeración de cineastas e creadores unidos pola aposta polas variedades formais, a asunción de riscos e a innovación.

Así mesmo, o CGAI pechará no primeiro tramo do ano o ciclo dedicado a Alfred Hitchcock, o mestre do suspense. Deste xeito, a terceira e última entrega do ciclo 'Universo Hitchcock' consistirá en dúas sesións dobres nas que se proxectarán as as películas 'Enviado Especial', 'Alarma no Expreso', 'Sospeita' e 'Os paxaros'.

Outro dos grandes do cinema terán tamén protagonismo na programación do CGAI durante os dous primeiros meses do ano: Stanley Kubrick. Así, entre o 21 de xaneiro e o 27 de febreiro estarán en carteleira cintas como 'Eyes Wide Shut', 'Lolita', '2001, unha odisea no espazo', 'A laranxa mecánica' ou 'Barry Lyndon'.

Temas: CGAI CINE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta