A Xunta destinará máis de 500.000 euros na loita contra a violencia de xénero

Política Social achegará 12,9 millóns a proxectos de inclusión social, dependencia, infancia e loita contra a pobreza, entre outros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2020 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

O orzamento da Xunta destinado a programas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 por cento do IRPF do 2019, ascende a 507.330 euros e beneficia a 24 entidades sen ánimo de lucro.

Así o informou nun comunicado a Vicepresidencia da Xunta en relación á publicación este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) da resolución de axudas a programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade, tras a aprobación dun aumento de 50.000 euros con respecto á convocatoria inicial, o pasado 19 de decembro.

As subvencións van dirixidas, segundo concretou a Xunta, a "actividades formativas e informativas" que fomenten o "empoderamento" e a "inserción laboral" das mulleres, sobre todo daquelas que se atopan en "situación de vulnerabilidade ou as que residen no medio rural".

Por outra banda, financiaranse tamén accións de prevención contra a violencia de xénero e apoio ás vítimas como "programas de acollida e aloxamento" e "tratamentos dirixidos especificamente a mulleres vítimas especialmente vulnerables como adolescentes, maiores, con discapacidade, que residen no rural, inmigrantes ou de minorías étnicas".

POLÍTICA SOCIAL

Así mesmo, o DOG publicou este martes as axudas con cargo ao IRPF que distribúe a Consellería de Política Social, as cales ascenden a un total de 12,9 millóns de euros.

Desta forma, impulsaranse 367 proxectos de 97 entidades dedicados ao ámbito da familia e a infancia, á inclusión social e loita contra a pobreza, á área de mocidade e fomento do voluntariado, e á asistencia de persoas maiores ou con discapacidade.

Mural realizado polas internas da prisión da Lama contra a violencia de xénero. INSTITUCIÓNS PENAIS
Mural realizado polas internas da prisión da Lama contra a violencia de xénero. INSTITUCIÓNS PENAIS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta