Temas: CAMBRE PESCA ERE

Traballadores dos seis centros de Isidro 1952 inician unha folga indefinida ante o despedimento de 136 empregados

Reclaman a paralización do ERE de extinción e que se abonen os salarios que se deben.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2020 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

Traballadores dos seis centros da firma coruñesa de procesado e distribución de peixe Isidro 1952 iniciaron este xoves unha folga indefinida fronte ao ERE de extinción, que suporá o despedimento de 136 dos 225 traballadores, así como recortes nas condicións laborais. Segundo informa a CIG, "practicamente o 100% do persoal" secundou a protesta, na que tamén se reclamaron os salarios de novembro e decembro que se deben.

Protesta ante a sede de Isidro 1952 en Cambre
Protesta ante a sede de Isidro 1952 en Cambre | Fonte: CIG.

Á entrada da fábrica de Isidro 1952 en Cambre (A Coruña), na que tamén participan empregados de piscifactorías e criadeiros, os traballadores protestaron con pancartas nas que se podía ler 'Este ERE é unha fraude! Non aos despedimentos. Non á precariedade laboral'.

A presidenta do comité de empresa, Olga Rodríguez (CIG), lamentou que "a situación está cada vez máis deteriorada". "Hai escasas perspectivas de que vaiamos cobrar nos próximos días e a dirección négase a valorar calquera das propostas alternativas que trasladamos", explica.

ÁS PORTAS DO CONCURSO DE ACREDORES

A empresa atópase en preconcurso e partir do día 12 solicitará o concurso de acredores, polo que a xestión da compañía pasará a ser responsabilidade da administración nomeada polo xulgado do mercantil.

Por iso, os traballadores demandan á dirección que paralice o ERE, que tachan de "fraudulento", pois se se executa denunciarano "de inmediato" no xulgado. Cifran a débeda da compañía en 78 millóns de euros.

Rodríguez advirte de que a compañía quere implantar salarios rebaixados ata o mínimo do convenio de aplicación, o que pode carrexar un recorte de ata 300 euros mensuais, unido a unha carga de traballo inasumible. "Nestas condicións é impensable chegar a un entendemento, polo que o período de negociacións terminou sen acordo. E outro tanto pasará co período de consultas, que acaba o día 23", agrega.

De tal forma, esixen solucións que garantan a viabilidade dos seis centros de traballo de Isidro 1952. Trátase, en concreto, da fábrica de conxelado, ultraconxelado e fabricación de produtos do mar do polígono do Espírito Santo, en Cambre; piscifactorías de troitas de Carballo, Baio e Louro; o criadeiro de rodaballo de Lorbé, en Oleiros, e o criadeiro de ollomol de Valdoviño.

PEIXES SEN ALIMENTAR

Xunto a isto, o comité de empresa alerta da situación que se vive en criadeiros e piscifactorías, especialmente no caso das troitas, xa que asegura que se están producindo mortes de peixes ao non ser alimentadas debidamente.

Apunta que esta situación foi trasladada á Xunta, que enviou unha inspección veterinaria ata os centros. "Pero aínda non coñecemos o resultado destas visitas", sinalan os representantes dos traballadores.

Temas: CAMBRE PESCA ERE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta