A conselleira de Política Social pide ao novo Goberno que "cumpra" en Galicia coa Lei de Dependencia

"Imos continuar reclamando eses 200 millóns anuais que nos deben á nosa comunidade autónoma para cada día darlles aos nosos maiores máis prestacións e máis recursos" asegurou Fabiola García.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2020 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

A conselleira de Política Social, Fabiola García, asegurou este luns en Lugo que por parte da Xunta esperan que o novo Goberno central "cumpra con Galicia", en especial con "a Lei de Dependencia". Así, con motivo da súa presenza nun acto en Lugo, Fabiola García manifestou que "nin Galicia, nin os galegos, van quedar calados mentres o Goberno central deba un só euro a Galicia".

A conselleira de Política Social, Fabiola García, no Pleno do Parlamento de Galicia. XUNTA
A conselleira de Política Social, Fabiola García, no Pleno do Parlamento de Galicia. XUNTA

"E cando falo dun só euro é que imos reclamar e imos ser insistentes para que o goberno central cumpra coa Lei de Dependencia e financie o 50% que lle corresponde, xa que a día de hoxe Galicia está a asumir o tres cuartas partes do custo da factura de atención aos nosos dependentes", subliñou a titular de Política Social.

"Imos continuar reclamando eses 200 millóns anuais que nos deben á nosa comunidade autónoma para cada día darlles aos nosos maiores máis prestacións e máis recursos", abundou. Estas declaracións realizounas pouco antes de visitar a escola pública e de titularidade autonómica na Avenida Paulo Fabio Máximo de Lugo e que se custea con fondos procedentes da Fundación Amancio Ortega.

Ademais, Fabiola García asegurou que a Xunta se envorcará en "políticas sociais" en 2020. "Ese é o noso obxectivo e aproveitamos esta visita a esta escola infantil, que financiou a Fundación Amancio Ortega aquí na cidade de Lugo para dar a coñecer a todas as familias e a todos os lucenses a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos que acaba de implantar a Xunta para segundos fillos e sucesivos", subliñou. "Esta é unha medida que se porá en marcha a partir do 1 de abril, é dicir, a Xunta pagará todas as mensualidades que ata día de hoxe pagaban as familias galegas", comentou.

"O noso obxectivo é dar máis facilidades a todas as familias de Galicia, non só nesa gratuidade en que Galicia se consolida como unha comunidade de referencia a nivel nacional, senón que seguiremos dando máis oportunidades de conciliación a todas as familias que viven no rural coas Casas Neno e co cartón de benvida (a recentemente nados) ampliada, con eses 2400 euros ao mes de cartón de benvida para as familias que teñan tres fillos e sucesivos", resumiu, en canto a actuacións para este novo ano por parte da súa Consellería.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta