A chave finlandesa

Encol da certificación de orixe e calidade dos nosos produtos.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 15/01/2020

Comparte esta noticia
No meu pequeno supermercado en Bruxelas non hai menos de seis produtos galegos, maiormente conservas e peixe envasado e, en raras ocasións, Albariño. Non está nada mal, non hai traza de produtos eslovacos ou eslovenos, por exemplo. O que é notable é que agás nos poucos casos nos que o produto se venda como “de Galicia” o normal é que apareza no fondo do envasado un “Made in Spain”, a localidade e a provincia. Nun formato case idéntico coa provincia en maiúsculas, polo que dá que pensar que a omisión de Galicia non é accidental senón que así figura nalgunha plantilla que teña que cubrir a empresa para comercializarse, posiblemente nese formato virá a ficha do Rexistro Sanitario Industrial.
 
A cuestión é que nada impide á empresa promocionarse o seu produto como Galego. Significativamente, non é o caso en España e aínda menos no exterior.  Nada que ver co “Scottish salmon” ou “Scottish Whisky” que ufanos tamén ocupan os mesmos andeis. Cantos millóns de publicidade gratuíta valería que alomenos de vez en cando Zara puxese que viña de Galicia. Nalgún produto ten deixado caer que e de “La Coruña” (si ten, todo hai que dicilo, unha completa versión en Galego da súa web). A cuestión é que por moito que precisamente a súa estratexia é a dun produto global e anónimo (moi alonxado pois das ataduras xeográficas da moda milanesa, parisiense ou xaponesa) non lle tería custado nada promocionar sequera implicitamente as súas orixes. Quen di Zara pode dicir Pescanova, tamén nos andeis do meu supermercado local.
 
Sobre todo cando o bo que ninguén coñeza a existencia de Galicia en Europa é que tampouco ten connotación negativas coma puidese ser o caso de Irlanda do Norte ou Hungría. Mesmo territorios con asociacións pouco positivas con, por exemplo, o atraso si poden promocionar asociacións positivas cos seus produtos, sexa que por unha idealización do remoto, exótico ou a volta a unha suposta vida sinxela, coma o caso de Andalucía (ou, hai anos, a Sevilla de Vittorio e Luchino) ou o Mezzogiorno (morea de perfumes fan os anuncios alí).  
 
Por iso que no marketing territorial dos produtos, tan necesarios para crear unha marca-país e a famosa cadea de valor engadido, importa tanto a vontade coma a calidade. En Finlandia a Asociación de Empresas Finlandesas outorga a chamada “Chave Finlandesa” certificado de calidade de que o produto é de procedencia nacional, baixo uns criterios moi estritos. Para calquera produto finlandés é practicamente obrigado ter na embalaxe ter o logotipo da chaviña coa bandeira. Iso non só e principalmente porque existe unha demanda (os finlandeses, coma país homoxéneo e pequeno en poboación, son moi nacionalistas) senón porque tamén se produce unha certificación moi rigorosa que non se casa con ninguén. A famosa mostaza de Turku (Turun Sinappi), sinal de identidade do país como Larsa ou Feiraco entre nós, tivo que pasar a promocionarse con algo así como “Garantía finlandesa” logo de trasladar boa parte do proceso de produción á veciña, linguisticamente irmá pero sobre todo moito máis barata Estonia.
 
Se algo tivo a chegada de Fraga a Galicia foi o revulsivo de orgullo galego que, guste ou non, trouxo. Aquel primeiro anuncio de 1991 de Galicia Calidade, no que “Algo se move en Galicia que rompe tópicos” constituíu unha novidade espectacular na autoestima dun país que semellaba maldito pola perenne choiva, a reconversión e a emigración. O malo é que nunca pasou do márketing. Se ben agora existe un proceso de verificación máis rigoroso, durante moitos anos semella que para poder pór o logotipo nas etiquetas pouco máis había que facer ca pagar unha cota de trinta euros anuais. Comparar isto con “Tehty Suomessa” na que as empresas deben pagar o 0.01% anual do volume de negocio ou 6.000 euros. O proceso de certificación galego tampouco é comparable, tratándose dunha entidade con menos de 700.000 euros de orzamento e sete empregados.
 
 É que facer unha campaña e crear unha marca non é tan difícil, os vascos teñen o Euskolabel por exemplo así coma o resto de CC.AA.. Si que o é que a garantía de calidade teña a calidade garantida. Por exemplo, o intento de dar máis rigor á certificación de orixe dos produtos de “Tierra de Sabor” de Castela e León levou a que as forzas vivas, sobre todo do sector agroalimentar da rexión fixeran presión para evitalo, xa que boa parte da produción está fóra dos límites desa autonomía. Pasa a cotío: Berlusconi tamén quixo, nun arrebato de bandeirisimo presalviniano, asegurar que o “Made in Italy” era tal, mais rapidamente morreu o conto xa que a maioría das grandes empresas italianas e ese pequeno empresariado artesanal, ese que hoxe vota Lega, acababan de deslocalizar boa parte senón toda a produción a Centroeuropa. As famosas cafeteiras Bialetti son romanesas agás na etiqueta.
 
O triste é que a certificación, se é rigorosa, ata pode ser un negocio rendible. Boa parte dos ingresos do servizo de calidade alemán (a famosa TüV) ven de acreditar produtos estranxeiros, tal é a calidade e rigor da súa avaliación.  A garantía de orixe certificada non ten porque ser cousa dun chauvinismo estúpido que pon as bandeiras coma escusa da mediocridade. Nin todo ten que ser 100% feito nun país: o Té non é certamente de orixe británica pero a elaboración e proceso do produto por marcas dese país faino un produto e un sabor propio máis có do val de Assam de onde proceden as follas. Outra cousa é que haxa que ter ducias de etiquetas para gradar o grao de “pureza” que, coma pasou co Xamón de Jabugo, foi a perfecta coartada para vender pata de can coma pata negra. 
 
Curiosamente, e por moito que os asaltadores de ceos monclovitas asumiran as competencias de consumo, son as CC.AA. e por suposto Galicia, as que teñen as competencias fundamentais (deixando ao lado cousas coma as indicacións xeográficas protexidas pola UE) para garantir a calidade e trazabilidade dos produtos. Mais na práctica prodúcese unha espiral de silencio. Se neste Nadal se cearon ostras e mariscos africanos ou asiáticos, ou cordeiro francés coma produtos galegos, ou españois, é porque non lle interesa nin á empresa, nin á distribuidora, nin ó consumidor romper a ilusión de que está a comer un produto de proximidade e de calidade. E, por suposto, último que quere a administración é amolar a festa cumprindo a lei.
 
E é que conseguir a calidade precisa de esforzos e sacrificios iniciais que moi poucos están dispostos a asumir. Pero parafraseando aos Diplomáticos de Monte Alto, precísase ter orgullo para logo encher o bandullo.

Produtos de Galicia Calidade
Produtos de Galicia Calidade
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA