Ser Galego hoxe

Viaxe por tres países e sempre arredor de si.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 27/04/2022

Comparte esta noticia
O 27 e 28 o Consello da Cultura Galega organizou dúas xornadas no Instituto Cervantes de Bruxelas. Nunha sala ateigada de xente, o “tout Bruxelles” galega atopouse excepcionalmente reunido, incluído todos os europarlamentarios presentes e futuros do noso arco parlamentario.  Margarita Ledo presentou e debateu coa audiencia o filme, metade documental-metade alegoría “Nación”, onde se fala das mulleres da Pontesa coma alegoría das mulleres galegas. Como tiven oportunidade de manifestar no debate, aqueles que fomos criados por exempregadas de fábricas galegas, xa sexa a Pontesa, Regojo, conserveiras, tivemos a sorte de desfrutar dunha infancia ´tradicional´ , coa nai de volta na casa e atendendo as leiras, cando unha década antes probaran a independencia económica e en parte persoal. Certas persoas da miña xeración tivemos unha crianza anacrónica, e ahistórica. Moitas veces me preguntei se pensaría o que penso hoxe, falaría aínda na lingua na que me criei  senón for polas vítimas da vaga de desindustrialización que levou o fin da autarquía franquista, os Pactos da Moncloa e a entrada na daquela Comunidade Europea.  
 
Tamén hai uns días estiven de vacacións pola Costa da Morte. Lugar que había hai vinte anos que non visitaba máis ca de ida por volta. Lembro descubrir neses tempos aquelas paisaxes e xente brava, todas galegofalantes, coma sacadas de ´Mareas Vivas´, que tanto éxito tivo daquela, e que contrastaba coa molicie das Rías Baixas. As vilas mariñeiras segue a estar impecables, se cada ainda máis ca daquela. Cartos dos embarcados e rendas que veñen de fóra, ata de Nova Jersey. 
 
Pero non só é polo Prestige que hoxendía está nos mapas europeos coma unha das rexións con risco demográfico máis extremo, xogando na liga das Terras Altas escocesas e Laponia. Dicía sen sorna o dixital ´Que Pasa Na Costa´ hai anos que as autovías que se fixeron co Plan Galicia case que animaron a emigrar máis rápido. Un trinta por cento menos de tráfico en dúas décadas.   
 
Iso si, a cada pouco hai un parque infantil, sen nenos, como tampouco había moitos no cine de CEE. Nun mini-centro comercial que lembro que abrira dos anos do pelotazo en terreo gañado ao mar e onde o Zara pechou hai un par de meses. Ao pé uns cantos nenos xogan, maiormente en español. No Pindo, había daquela dezasete bares. Hoxe os veciños estaban contentos que tralo longo inverno volvera abrir o Sol e Mar. O “Mar del Norte” coñecido polas maquetas de plataformas petrolíferas pechou o ano pasado.  Non deixen de ir, aproveiten. Multitudes non van ter. Agás en semana santa e agosto, onde os madrileños sobrecargan a escasa 4G cos seus Instagrams de marisco e postas de sol con filtro.  
 
O segundo acto do Consello da Cultura en Bruxelas foi encol da presentación da versión en francés da monumental Historia de Galicia do profesor Ramón Villares, e onde tiven a honra de participar ao lado do tamén recoñecido Núñez Seixas e Christiane Stallaert, unha das máis incisivas historiadoras estranxeiras (é belga flamenga) sobre as identidades galegas, española no país e na emigración.  O clásico dun dos nosos historiadores tan senlleiros ten unha avantaxe, lémbroo ben cando era estudante xa no instituto, é a súa tanxibilidade. Nun só volume encapsula o ser galego. Esa fisicalidade nestes tempos de postmodernidade líquida resulta acougadora, sobre todo referíndose ao seu pobo onde os estranxeiros, propios e alleos se empeñan en dubidar que exista realmente. Sempre se lle pode mandar á cabeza a ver se lles doe.  Será por natureza de orixe dun, será polo espírito contrario do mellor mundo anglosaxón no que se socializou boa parte da vida adulta, tocoume contrapolo ao feito de ser galego hoxendía. Coma tantas e tantas veces ao logo desta columna mensual no GC,  polo que non me repetirei. Ou case. 
 
Falei de Gales, onde uns días antes había vintedous anos que non estivera logo de rematar a carreira alí, observando case de primeira man como montaban a autonomía nese ano. Nunca voltara. En parte porque Cardiff sempre me deu unha sensación agridoce: é a capital, pero podía ser Bristol no outro lado da ´fronteira´ do río Severn, excepción feita de sinais daquela recentemente en bilingüe (Araf/Slow, Police/Heddlu) e pouco máis. Insístenme que agora é moito máis galés todo ca daquela e pensei no recente episodio sobre o Gaélico do ´Fora de Mapa´. Tamén porque como Irlanda, Bretaña ou mesmo Asturias (Escocia pouco ten que ver connosco) ir a eses lugares é inevitable interrogarse sobre Galicia. De feito, iso pasa particularmente con Gales.  
 
Na presentación de ´Terre de Galice´ falei precisamente da conferencia ´Wales and Galicia Identities and Societies´ que organizara hai unha década co Couto Mixto Bruxelas. Coma se describe no libro “When Was Wales” de Gwyn Williams, Gales divídese nun Anglo-Wales, un Gales-Galés, un Norte e un Sur incomunicados e outras tantas variables. Vinte anos despois, Galicia está tamén ese camiño de identidades tan diversas coma autistas. Dos Galeses  falaba o actor Michael Sheen (o que interpreta sempre a Tony Blair) no festival do pobo do libro de Hay-on Wye (o orixinal)  no 2017 e que se pode ver en Youtube. Os galeses están acostumados a negociar a pertenza a unha entidade maior e absorbente “acomodando, movéndose e adaptando”.  Os galegos seguímolo a facer, e cada vez o facemos máis e máis aceleradamente, se ben tentamos convencernos que seguimos a ser nós mesmos. Que nun ´nós´ segue a ser posible. 
 
Se ben episodios excepcionais coma o recente das Tanxugueiras dannos esperanzas, o triste espectáculo encol da guerra de Ucraína fan a un temer que Galicia non sexa posible. Que haxa tanta e tanta xente, en teoría parte da Galicia máis dinámica, estea disposta a facer eco acrítico das consignas  enviadas por un dos belixerantes por un simple reflexo antihexemónico, cando non vellas solidariedades da Guerra Fría en contra non digamos xa do sentido común senón cando menos do interese nacional (apoiar Tabarnias, afectar neutralidade contra os que saben o que é a diglosia e tamén o Rexurdimento, pórse en contra dos aliados presentes e futuros),  resulta máis ca preocupante. E máis cando a posibilidade dunha alternativa se esculca coa marcha de quen dominou Galicia durante unha década con man máis forte có lendario Fraga. 
 
Machado dixo por boca de Suárez: Nin o pasado morreu nin están mañá nin onte escritos. Ogallá. 

Emigrantes
Emigrantes | Fonte: Vivir Galicia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA