Feijóo espera que o novo Goberno funcione "mellor que o entroido da investidura"

Insta á ministra de Traballo a "non xogar" coa "estabilidade e a seguridade laboral" en España.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 14/01/2020 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestou que espera que o novo Goberno funcione "mellor que o entroido da investidura" e non dea a España a "inestabilidade que deu o PSOE", formación á que reprochou o seu "teatrillo" dos últimos meses.

A preguntas dos xornalistas, coincidindo coa súa presenza na toma de posesión do novo reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, manifestou que ao novo Executivo pídelle "que funcione" e que o faga "mellor do que funcionou estes últimos meses, incluído todo este entroido de investidura que vivimos".

A este "entroido", sumou o "teatrillo" ao que, ao seu xuízo, tiveron que asistir os españois. "Primeiro que había que repetir as eleccións dicindo que non se podía gobernar con Podemos, despois pactando con Podemos ás 48 horas de celebrar as eleccións e despois dicindo que os que incumprían a Constitución tiñan que volver a España", dixo sobre o conflito catalán.

"Espero que o Goberno non nos dea tanta inestabilidade como nos deu o PSOE no ano 2018 e 2019", recalcou Feijóo, quen asegurou que o que quere é un Executivo "útil para España".

MINISTRAS GALEGAS

Preguntado se a presenza de ministras galegas favorece a Galicia, incidiu en que a carreira política de Nadia Calviño, vicepresidenta do Goberno e ministra de Economía "nada ten que ver con Galicia".

No caso da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, dixo que lle preocuparía "que o que dixo que ía facer o faga" e que o tranquilizaría "que faga exactamente o contrario do que veu dicindo".

Así, instouna a "non xogar coa estabilidade e a seguridade laboral" en España, defendendo o mantemento das "cousas que funcionaban", recalcou despois de que a ministra de Traballo se mostrase partidaria da derrogación da reforma laboral.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na toma de posesión do novo reitor da UDC. DAVID CABEZÓN
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na toma de posesión do novo reitor da UDC. DAVID CABEZÓN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta