A biblioteca de Verín, un modelo cultural que compite coa Play Station e namora aos máis novos

Recibiu a máis alta distinción das bibliotecas polo seu modelo de voluntariado coa rapazada e realiza varias xornadas ao ano coa presenza dos mellores literatos e pensadores de Galicia e do Estado. O seu truco "non pensar que as bibliotecas son museos dos libros senón verdadeiros centros de cultura".

Por Galicia Confidencial | Verín | 14/01/2020 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

José Antonio Marina, Fernando Savater, Santiago Posteguillo, José Luis Corral, José Calvo Poyato, Francisco Narla, Pedro Feijóo, Domingo Villar, Diego Ameijeiras... E así un longo etcétera de nomes da literatura, a educación e a cultura de Galicia e do Estado. É a oferta que ano tras ano fai a Biblioteca Pública Municipal de Verín, un modelo cultural que soubo modernizar a literatura e atraer á xente máis nova.

Voluntarios da Biblioteca Municipal de Verín
Voluntarios da Biblioteca Municipal de Verín | Fonte: Biblioteca de Verín

De feito, este centro é xa un referente do panorama cultural galego.  A súa traxectoria como entidade programadora de actividades de primeiro nivel avala esta apreciación que se fai obxectiva a través das súas memorias de actividades, premios recoñecementos e outros datos. Non por nada esta entidade galega ten recibido entre outros, o patrocinio do Alto Patrocinio do Parlamento Europeo, dende 2016, é membro da Unesco Network of Associated Libraries dende 2011 e ten recibido o Premio María Moliner 2017 ao mellor proxecto de animación lectora a municipios entre 5000 e 20000 habitantes.

Porque esta biblioteca de menos de 14.000 habitantes e situada no corazón da Galicia rural, ou o que hoxe se coñece como a "Galicia baleirada", conseguiu desde a súa reapertura, no ano 2006, encher de ilusión a ducias de rapaces. Precisamente, o seu proxecto "Voluntariado cultural con rapaces e rapazas para o fomento da lectura" foi o que recibiu o premio de 12.000 euros do Ministerio de Cultura hai tres anos. Un proxecto consolidado que xurdiu fai once anos e que converteu á biblioteca nun referente cultural da localidade polas súas actividades interxeracionais e con colectivos en risco de exclusión social, e no que tiveron cabida todo tipo de actividades, conferencias, presentacións de libros, exposicións, concursos, e mesmo Biblio-piscina durante o verán.

OS SOLDADOS DA CULTURA

Detrás desta gran obra da cultura están Aurora Preito e Vicente Rodríguez, dous intrépidos soldados da cultura embarcados nunha guerra por conseguir que as bibliotecas non morran como espazos culturais. E, semella, que acadaron a chave para conseguilo; "hai que saír do concepto de biblioteca tradicional ou museo de libros para facer auténticos centros culturais", apunta Vicente. 

Actividades de lectura de libros con nenos na Biblioteca de Verín
Actividades de lectura de libros con nenos na Biblioteca de Verín | Fonte: Biblioteca Municipal de Verín

De feito, o seu gran competidor está fóra do mundo tradicional da cultura. "Temos que competir coa Play Station e facémolo convencendo os rapaces das marabillas que se ocultan nos libros con traballos de voluntariados e manualidades", asegura. No fondo, a titánica labor de Vicente e Aurora non dista nada dalquela Institución Libre de Ensinanza que na II República tentaba crear mentes libres inxectando cultura e amor pola literatura e as artes. "Xa nos gustaría", chancea Vicente.

Con todo, ese ardua tarefa de anos deu os seus froitos. Dos 1.050 euros que tiñan para organizar 70 actividades ao ano, pasaron a 12.000 euros grazas ao premio María Moliner. Pero eles insisten; "non se trata de cartos, senón de amor pola cultura". Un amor pola cultura, a historia e a literatura na que tamén se embarcaron outros amigos e colaboradores como os antropólogos Miguel Losada ou José Luis Cruz. 

E tal é a sona das actividades desta biblioteca que grandes escritores --algúns deles premios Planeta-- compiten por vir falar a Verín. O segredo, "obviamente non son os cartos", porque a xente non ven polos cartos, "senón por um modelo de cultura que lles gusta", indica Vicente.

NOVAS XORNADAS EN 2020

Este ano, a Biblioteca Municipal de Verín arrinca coas III Xornadas de Novela Negra dedicadas ó universo deste xénero. Neste ano e baixo o lema  «Personaxes de Novela», as xornadas prometen un denso percorrido polas luces e mailas sombras que acompañan sempre os pasos do ser humano na súa relación cos outros.

"A Novela Negra como xénero literario goza de moi boa saúde", destaca Vicente que quere poñer o aceno en que este ano non só están convidados escritores de novela negra, senón, policías, forenses ou xornalistas, "moitas veces auténticos protagonistas destas novelas". Fernando Serrulla Rech, médico Forense e responsable da Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia, o escritor e maxistrado José Antonio Vázquez Taín, o comisario Enrique León Calviño ou o escritor Pedro Feijóo estarán entre os convidados destas xornadas nas que tamén participará o director de Galicia Confidencial, Xurxo Salgado, como moderador final do debate.

Pero este ano, este centro cultural tamén albergará en marzo as III xornadas de Novela Histórica, desta volta, adicado ás mulleres que tamén escriben sobre historia. Entre os participantes María Solar, Margarita Torres, Santiago Posteguillo, José Luis Corral ou José Calvo Poyato. Xa en abril será a quenda das I Xornadas de Educación. Unhas conferencias que "tentar ser unha homenaxe a importancia da eduación na nosa sociedade", segundo apunta Vicente, e que contarán coa participación dos docentes Victor Arufe e Belén Piñeiro e os sociólogos e educadores José Antonio Marina ou Fernando Savater.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 GalegON

Parabéns !!!! Traballo ben feito dá froitos.

1 CastelaoPaSogama

A ILE fundouse en 1876. Non foi criación da II república. Na ILE ten as súas raíces a democracia orgánica de Franco. Noraboa á biblioteca. Os bibliotecarios están moi pendentes das necesidades da sociedade e as veces adiántanse. Ogallá fora así noutro ámbitos.