Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2020 | Actualizada ás 15:00
O PSdeG e o BNG coincidiron en sinalar a "submisión" do presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ao líder do seu partido, Pablo Casado, que manifestan as cartas enviadas a pasada semana a cada un dos ministros do novo Goberno para pedir unha "cooperación leal". Con todo, os populares galegos rexeitan estas críticas e defenden o carácter "institucional" das misivas.
Así, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero,cargou contra "un Feijóo que non é capaz de resolver os problemas dos galegos" e que busca "espazo" para incidir no seu discurso "a través da correspondencia". Así, incidiu en que as misivas remitidas aos distintos ministros están asinadas polo dirixente dos Peares "pero redactadas en letra e espírito" polo "espírito de confrontación" que atribuíu ao PP e ao seu líder, Pablo Casado.
Para Caballero, o presidente da Xunta actúa como "unha marioneta" que "asina" as cartas mentres Casado e a ultradereita "márcanlle" a liña discursiva.
Nunha rolda de prensa concedida este luns no Parlamento de Galicia, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, tachou a Feijóo de "presidente escribano" e "carteiro" por promover "outro exemplo de propaganda e autobombo" que "roza o ridículo, case o esperpento".
Neste sentido, a líder nacionalista ironizou con que o expresidente galego Manuel Fraga "polo menos facía o esforzo de conseguir reunións con ministros". "Ía a Madrid, logo viña cunha man chea de nada e outra cousa de ningunha, iso é certo, pero polo menos facía algo máis que Feijóo", engadiu.
O PPDEG DEFENDE As MISIVAS
En fronte, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, esgrimiu que o "nivel" de Caballero queda "reflectido nas súas declaracións". "Parece que ten unha obsesión machacona co tema da extrema dereita á que o PPdeG non só non representa, senón que é o seu dique de contención contra calquera veleidade extremista", aseverou.
A continuación, defendeu que as cartas enviadas por Feijóo son "institucionais" e "lembrando que hai temas pendentes" que agora que o Goberno xa non está en funcións debería abordar con urxencia como pagar a "débeda" ás comunidades ou impulsar o estatuto das electrointensivas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.