Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2020 | Actualizada ás 12:40
A deputada do BNG Olalla Rodil reclamou este xoves ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "deixe de choricar" e "asuma a súa responsabilidade", acudindo "xa aos tribunais" para reclamar ao Estado os 200 millóns correspondentes á recadación do IVE en Galicia no exercicio 2017.
"O único que vemos é ao presidente lamentarse, leva meses lamentándose", dixo Rodil, a preguntas dos medios sobre estes fondos para Galicia que o Goberno xa avanzou que non ten intención de abonar. "Nós o que lle pedimos, desde o BNG, é que asuma a súa responsabilidade e que deixe de choricar", sentenciou.
Isto, explicou Rodil, pasa por "acudir xa aos tribunais" para que o Goberno non "roube" o que "é dos galegos", polo que instou ao presidente da Xunta a presentar "esa vía xudicial" de reclamación.
Olalla Rodil lembrou que Galicia "ten recoñecido que o 50% do IVE que se recada" na comunidade corresponde á Xunta, polo que reclamou a Alberto Núñez Feijóo que "asuma a súa responsabilidade como presidente da Xunta" e o reclame nos tribunais.
SALARIO MÍNIMO
Noutra orde de cousas, preguntada acerca da subida do salario mínimo a 950 euros, Olalla Rodil considerou que se trata dunha "medida positiva". "Todo o que poida mellorar as condicións de vida e salariais dos traballadores, benvido sexa", destacou.
No entanto, afirmou que "fan falta máis pasos" na materia. "Necesitamos ir a un salario mínimo que se axuste ao que di a Carta Social Europea, pero, sobre todo, os traballadores no seu conxunto necesitan recuperar os dereitos que lles roubaron coas dúas reformas laborais", dixo a deputada nacionalista, para quen aínda "queda moito por reivindicar" e "moito dereitos prol reconquistar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.