Por Galicia Confidencial | Santiago | 11/09/2012 | Actualizada ás 19:00
A CIG-Autonómica, o sindicato máis votado nos servizos centrais da Administración galega, denuncia que "unha persoa, Antonio Estévez, administrador do foro da academia Cefiasa-Grupo Adams e cuxo nome coincide co director da dita academia publicitou unha mensaxe na que se rebela información sobre a convocatoria de prazas de promoción interna e de escalas da Administración Especial". O sindicato di que segundo o propio informante esta información sae da Subdirección Xeral de Provisión de Postos de Traballo e Selección de Persoal dependente da DX de Función Pública.
O sindicato cre que "é inadmisíbel que este tipo de informacións se falen con titulares de dereitos privados que entran en colisión directa co interés xeral". A CIG lembra que persoas como o aludidoteñen intereses económicos nas oposicións.
É máis. O sindicato denuncia que "tamén pode existir un posíbel tráfico de influenzas e información privilexiada a favor de, cando menos, dunha empresa con intereses económicos nos procesos selectivos da Xunta".
Polo de agora nin Xunta nin Cefiasa rebateron a dura acusación do sindicato. Na súa web, Cefiasa presume de lograr que os seus alumnos gañaran o 47% das prazas da Oferta Pública de Emprego de 2008. A CIG reclama á Xunta que abra un expediente informativo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.