O cargo que asinou o polémico informe de Altri consegue praza fixa na Xunta

Ocupara dde forma defintivia o posto de subdirector xeral de Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2025 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves a resolución da convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, da vacante do posto de subdirector xeral de Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que ocupaba ata agora o funcionario Alejandro Carreira en comisión de servizos, mesma persoa que se fixo coa praza.

A orde para a cobertura deste cargo foi asinada pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, o pasado 10 de marzo, nun contexto no que o departamento autonómico estaba no foco tras a luz verde á declaración de impacto ambiental (DIA) de Altri. Precisamente, Carrera foi un dos dous cargos autonómicos que subscribiu esa resolución, que ten data do 5 de marzo, xunto coa directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevaría.

Tras a publicación da convocatoria, houbo voces que puxeron o acento na coincidencia no tempo da convocatoria da praza e a luz verde ambiental a Altri. Fíxoo, por exemplo, o deputado do BNG Luís Bará en redes sociais. Con todo, o Goberno galego incidiu en que, neste caso, o único que fai a Administración é dar continuidade a un proceso regulado e actuar segundo estipula a lei de emprego público.

En concreto, fontes da Consellería de Medio Ambiente consultadas por Europa Press explicaron que "a forma habitual" de provisión dunha posto vacante do nivel de subdirector xeral é que inicialmente se ocupe mediante comisión de servizos para, posteriormente, proceder á súa cobertura en réxime de libre designación.

Ademais, engadiron que, en consecuencia, a praza en cuestión está cuberta "de acordo co que establece a lei de emprego público" e "simplemente" publicouse no DOG "a convocatoria para a súa provisión con carácter definitivo". Agora, esta mañá, coñeceuse a resolución, quedando o posto para Carreira.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, en rolda de prensa tras o Consello da Xunta
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, en rolda de prensa tras o Consello da Xunta | Fonte: XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta