Arde Galicia: Galicia case duplica nun día a superficie queimada, xa son 22.000 as hectareas arrasadas

Os máis virulentos están en Chandreixa de Queixa e Oímbra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2025 | Actualizada ás 23:25

Comparte esta noticia

A vaga de incendios sen control que afecta a Galicia, de forma maioritaria a Ourense con Situación 2 en toda a provincia, disparou a superficie arrasada ata as 22.000 hectáreas. Segundo os datos provisionais ofrecidos pola Consellería do Medio Rural na mañá deste xoves --só comunica cifras de máis de 20 hectáreas--, a superficie arrasada case se duplica nas últimas horas respecto do informado o pasado mércores.

Así, son sete os incendios activos na provincia de Ourense, catro deles grandes lumes forestais que queiman miles de hectáreas. Chandrexa de Queixa cumpre unha semana desde que se iniciou o lume sen control o 7 de agosto na parroquia de Requeixo, o cal queima 4.500 hectáreas. Os brigadistas avisaban ese mesmo día de que, se non se lograba atallar rápido a súa extensión, podía levar a queimar toda a serra debido ás dificultades de acceso e condicións meteorolóxicas. A este sumouse o 12 de agosto tamén en Chandrexa o incendio da parroquia de Parafita, que calcina en só dous días máis de 5.000 hectáreas.

A suma destes lumes en Chandrexa é de 9.500 hectáreas, unha cifra que se aproxima aos dous maiores incendios en Galicia desde que hai rexistros, os que tiveron lugar na vaga de incendios de xullo de 2022: O Courel (11.800 hectáreas) e Valdeorras (10.500 hectáreas).

Mentres, o de Oímbra, parroquia da Granxa, encabeza tamén a superficie queimada xunto ao de Parafita, 5.000 hectáreas, un lume no que resultaron feridos por queimaduras tres brigadistas municipais. Séguelle o lume da Mezquita, parroquia da Esculqueira (4.000 hectáreas); Maceda, parroquia de Santiso (1.700 hectáreas). Tamén están activos os de Vilardevós, parroquia Vilar de Cervos (200 hectáreas); e Larouco, parroquia de Seadur (150 hectáreas).

Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural dá por estabilizados --aínda sen controlar-- os lumes de: Maceda, parroquia de Castro de Escuadro (450 hectáreas); Dozón (Pontevedra), parroquia de O Castro (400 hectáreas); Vilariño de Conso, parroquia de Mromentelos (180 hectáreas); Montederramo, parroquia de Paredes (120 hectáreas); Ourense, parroquia de Seixalbo (100 hectáreas); así como Vilardevós, parroquia de Moialde (40 hectáreas).

A esta cifra súmanse unhas 3.000 hectáreas calcinadas previamente no verán en Galicia --con base en datos dos lumes comunicados por Medio Rural--, o que eleva por encima das 25.000 hectáreas a superficie arrasada en toda a campaña de alto risco na comunidade.

CONTROLADOS

Un helicóptero trata de extinguir o incendio en Seixalbo, Ourense
Un helicóptero trata de extinguir o incendio en Seixalbo, Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press

Permanecen controlados os lumes de Samos (Lugo), parroquia de Santalla (200 hectáreas); A Fonsagrada (Lugo), parroquia de Monteseiro; A Estrada (Pontevedra), parroquia de Souto (20 hectáreas); e Verín, Mourazos (9 hectáreas).

EVACUACIÓNS

O municipio ourensán de Monterrei sufriu unha noite de evacuacións e confinamentos por un incendio que ameazou casas nunha xornada na que continuou o avance da vaga de lumes sen control na provincia.

Segundo informa o 112 Galicia, foi necesario desaloxar a 27 veciños de Albarellos. Ademais, foron confinados os lugares de Mixós, Estevesiños, Vences e A Pousa. Así mesmo, para os veciños confinados habilitouse a alternativa de albergue no pavillón do municipio de Verín.

Paralelamente, un total de 25 grandes dependentes que viven na residencia municipal de Chandrexa de Queixa, o concello de Ourense máis afectado as chamas nos últimos días, foron evacuados a un centro situado na cidade das Burgas. Igualmente, os 47 anciáns evacuados o martes da residencia da Mezquita a un centro en Arnoia conntinúan acollidas neste último lugar pola imposibilidade de volver polo momento ao seu lugar de procedencia.

REBAIXA A NIVEL LARANXA POR CALOR EN VALDEORRAS

Unha axente da Unidade Militar de Emerxencias (UME) traballa nos labores de extinción dun incendio
Unha axente da Unidade Militar de Emerxencias (UME) traballa nos labores de extinción dun incendio | Fonte: UME

A Xunta rebaixou de nivel vermello a laranxa por altas temperaturas a xornada da comarca de Valdeorras, na provincia de Ourense que mantén a situación 2 pola onda de incendios. Segundo explicou o Executivo galego nun comunicado, tamén se atopan en nivel laranxa o sur de Lugo e a zona da montaña de Ourense. Así mesmo, en nivel amarelo están durante esta xornada o noroeste de Ourense e a zona do Miño de Ourense.

Desta forma, aos concellos aos que afectan estas alertas son na montaña de Lugo: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela. Pola súa banda, no sur de Lugo: Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober e Taboada.

UME E ENFERMEIROS

Un total de 35 patrullas, formadas por membros do Exército de Terra e da Armada, despregan este venres a operación 'Sentinela Galego', de prevención de incendios, en plena vaga de lume en toda a Comunidade, con énfase na provincia de Ourense.

O Consello Xeral de Enfermaría (CGE) lembra que en caso de atoparse preto ou afectado por un destes incendios a poboación debe seguir pautas de actuación como dar a localización o máis exacta posible do incendio, buscar un lugar seguro, afastándose costa abaixo e contra o vento, e cubrirse a boca e nariz cun pano húmido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta