GC Aberto

Cando un sindicato deixa de ser popular: crítica a unha deriva elitista e centralista

Ante a celebración do Congreso Estatal dos Sindicatos de Inquilinas, que terá lugar os días 10, 11 e 12 de outubro de 2025 en Málaga, considero necesario expor publicamente unha reflexión crítica.

Por admin | Vigo | 11/08/2025

Comparte esta noticia

Por Adolfo Telmo Pérez, membro do Sindicato Inquilinas Vivenda Vigo-Tui BM e activista polo dereito á vivenda

Telmo Pérez, do Sindicato de Inquilinos
Telmo Pérez, do Sindicato de Inquilinos | Fonte: remitida

Non se trata só dun debate interno, senón dunha cuestión que afecta ao rumbo dun movemento social que naceu desde abaixo, popular e plural, e que hoxe, na miña opinión, pode afastarse das súas bases naturais. O que aquí presento é unha análise das propostas oficiais que chegarán a ese congreso e das súas implicacións para o futuro do sindicalismo da vivenda.

A loita polo dereito á vivenda é, por definición, transversal, popular e plural. Xorde da experiencia de persoas desafiuzadas, de familias precarias, de migrantes, de maiores con pensións mínimas ou da mocidade sen acceso ao alugueiro. Non nace de ningún programa de partido, senón do sufrimento compartido e da organización desde abaixo.

Por iso causa preocupación ler o documento oficial presentado para o Congreso Estatal dos Sindicatos de Inquilinas que se celebrará os días 10, 11 e 12 de outubro de 2025 en Málaga.

Esixir adhesión ideolóxica para loitar pola vivenda

Nun dos apartados máis significativos (“Nosos Principios”), afírmase:

«Definímonos como anticapitalistas, feministas, antirracistas (…) e defendemos o dereito de autodeterminación dos pobos.»

Ata aquí ningunha obxección, se se tratase dunha autodefinición. Pero máis adiante, cando se explican as condicións para formar parte da estrutura, sinálase:

«Para incorporarse á estrutura, un sindicato local debe aceptar este programa político e organizarse baixo os principios comúns definidos pola liña estatal.» (p. 11)

É dicir, quen queira loitar contra os desafiuzamentos e polo dereito á vivenda non abonda con vivir esa loita, senón que debe subscribir un conxunto de posicionamentos ideolóxicos alleos ao ámbito da vivenda.

É razoable excluír a persoas afectadas pola crise habitacional por non identificarse co termo “anticapitalista” ou por non ter unha posición clara sobre a autodeterminación?

Esta concepción excluínte pode transformar, sen dúbida, o sindicato nun espazo afastado da súa base natural. Un sindicato non é un partido político nin unha escola ideolóxica: é unha ferramenta para unir e empoderar a quen sofre unha inxustiza concreta. Quen reduce a afiliación á adhesión a unha corrente ideolóxica desvirtúa o carácter popular e aberto da loita pola vivenda.

Unha estrutura centralista e xerárquica

O documento do congreso tamén deixa clara a intención de controlar desde arriba o crecemento do movemento. Na sección titulada “Protocolo de entrada na estrutura conxunta” (pp. 28-30), establécese un itinerario no que os novos sindicatos deben ser aprobados por unha dirección estatal, pasar por un proceso de “formación”, validación e coordinación permanente.

Non falamos dunha colaboración horizontal, senón dun proceso de franquización organizativa, no que o uso da marca, dos materiais, da base de datos e mesmo o dereito a “acompañar casos” está condicionado pola aprobación da chamada “Estrutura Conxunta”.

No propio texto faise referencia a que:

«A marca común é unha ferramenta estratéxica e, polo tanto, debe ser protexida e regulada.» (p. 30)

Este enfoque converte o sindicato nunha organización pechada, xerárquica e dependente, na que os territorios non teñen autonomía real. A estrutura estatal actúa como órgano de validación política, organizativa e simbólica, en contradición coa idea de que un movemento popular debe adaptarse á realidade e ás necesidades de cada territorio.

Falta de garantías democráticas e omisións clave

Outro aspecto especialmente preocupante é a falta de garantías democráticas no proceso de emendas aos documentos do Congreso Estatal. Segundo se recolle no propio regulamento (p. 7 do documento oficial), as emendas poden presentarse até o 31 de xullo e serán xestionadas por unha “comisión de emendas” que elaborará un informe para entregar “ás delegacións participantes no congreso”.

Non se establece a obriga de difundir todas as emendas presentadas nin de garantir que as bases poidan consultalas e que os documentos do congreso e debates sexan públicos. Tampouco se define ningún prazo para coñecelas con antelación antes da votación.

Sen mencións á banca nin ao capital financeiro

A terceira e máis grave omisión do documento é a ausencia total da banca e do capital financeiro como axentes da crise habitacional.

Nun texto de máis de 30 páxinas non se menciona nin unha vez a banca É certo que o rentismo cumpre un papel central hoxe, millóns de persoas viven ao límite, afogadas por alugueiros impostos por propietarios que actúan como especuladores pasivos.Porén, limitar o foco estratéxico ao rentismo supón ignorar a arquitectura real do capitalismo inmobiliario actual.

O rentismo non é un fenómeno individual: é unha lóxica de acumulación organizada, onde o capital financeiro, a banca, as leis fiscais e as estruturas urbanísticas participan activamente e forman o núcleo deste modelo.

Se de verdade queremos construír un sindicalismo de vivenda á altura do que o noso pobo necesita, cómpre corrixir con urxencia a deriva que propón o Documento Congresual. Necesitamos un sindicalismo da vivenda que cuestione o dereito á rendibilidade extractiva, denuncie o capital financeiro global e esixa reparación histórica aos axentes responsables da burbulla inmobiliaria, da crise hipotecaria e da privatización da vivenda pública.

O noso sindicalismo debe ser popular e accesible, transversal e federal.

A loita pola vivenda non se pode converter nun espazo de vangarda ideolóxica. É, e debe seguir sendo, a loita da xente común contra a inxustiza estrutural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Semella que están a piques de asaltar aos Sindicatos de Inquilinas convertendo a reivindicación dunha Vivenda Digna e Asequible para Todas na "marca rexistrada" do Poder Político (Ao goberno de esquerdas progresista non lle interesa que falemos do Presidente da SAREB e "amigo de Sánchez" nin do Banco de Santander gran beneficiario da especulación inmobiliaria). Tampouco poderemos investigar a quen lle vende Sareb os pisos que ten no seu poder nin a que prezos nin en que condicións... Se tes un amigo no PSOE sempre se poden arranxar as cousas... por iso aos Sindicatos de Inquilinas cómpre amordazalos para sempre !