Feijóo critica a cita de Sánchez con Torra: "É unha declaración de intencións"

Di que "nunha democracia" o Goberno "nunca" debe reformar o Código Penal "á carta": E menos de "políticos" que cometeron "delitos flagrantes"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2020 | Actualizada ás 17:16

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu, tras pronunciarse o Tribunal Supremo a favor de manter inhabilitado ao presidente catalán, Quim Torra, que o feito de que o seu homólogo estatal, Pedro Sánchez, "vaia iniciar" a rolda de contactos con dirixentes autonómicos "cun presidente" de quen o alto tribunal considera "que non merece a acta de deputado" é "unha declaración de intencións".

Alberto Núñez Feijóo
Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Europa Press

Ao seu modo de ver, a mensaxe que se lanza é que "canto máis se incumpra, máis capacidade de interlocución haberá co Goberno central" e, canto "máis leal" sexa un dirixente autonómico co Executivo estatal, "máis dificultades" terá.

Tras o Consello da Xunta, Feijóo incidiu en que o pronunciamento do Supremo se adopta "por unanimidade" e subliñou que se trata dunha decisión "razoable e lóxica" no ámbito do dereito en España.

Así, manifestou que espera que "na modificación do Código Penal" que expón o Executivo "non se inclúa unha modificación á carta" para que un presidente dunha comunidade que, "de forma reiterada e obscena incumpre os requirimentos do Tribunal Superior de Xustiza da súa comunidade, quede impune".

"Pois non", espetou, antes de subliñar que un presidente debe ser "o primeiro en dar exemplo" ao conxunto da cidadanía. Neste punto, preguntado sobre a reunión de Sánchez e Torra, remarcou que "a unanimidade" do pronunciamento do Supremo "é o suficientemente clara para tomar unha decisión".

REFORMA "Á CARTA"

Sobre a reforma do Código Penal e en particular do contido relativo ao delito de sedición, Feijóo ironizou con que o actual presidente "xa contestou" a Sánchez cando era "candidato á Presidencia" e dicía "que había que cumprir integramente as penas e traer ao señor Puigdemont para iso".

"Agora o presidente xa contestou ao candidato á Presidencia que non, que xa non é necesario e que imos modificar o Código Penal para que os que están condenados diminúan as súas penas", esgrimiu, para engadir que, "nunha democracia", o Goberno "nunca, nunca, nunca" debe "reformar un Código Penal á carta".

"E moitísimo menos á carta de persoas que cometeron delitos de forma flagrante con sentenza definitiva do Supremo. E que, ademais, son políticos. Indultar un político cando ao común dos mortais se lle aplica o Código Penal é impropio dunha democracia consolidada", subliñou.

Tamén engadiu que, se ata agora se coñecía "a letra" do "acordo" de Sánchez "cos independentistas", agora "empézase a coñecer o que non se atreveron a pór por escrito", os "contidos opacos e escuros" do pacto.

"O que debería facer o Goberno é pagar as facturas ás comunidades ás que nos debe diñeiro e non aos independentistas, que non lles debemos nada e págaselles coa modificación do Código Penal", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta