Xulgan un home que estafou ao seu avogado os 15.000 euros que lle prestou

O letrado deixáralle ese diñeiro ao seu cliente, co que tiña unha "relación de confianza de 10 anos", para formalizar un acordo xudicial.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2020 | Actualizada ás 17:34

Comparte esta noticia

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, acollerá o vindeiro venres, día 31, o xuízo contra un home acusado de estafar ao seu avogado os 15.000 euros que este lle prestou para formalizar un acordo xudicial ao que chegara por un proceso anterior.

En concreto, segundo recolle o escrito do Ministerio Público, os feitos remóntanse a maio de 2017, cando o acusado, que se atopaba inmerso noutro proceso xudicial por suborno, alcanzou un acordo que incluía unha pena de dous anos de prisión, que foi suspendida, e o pago de 15.000 euros á acusación particular.

O día en que o que debía formalizarse o acordo, o home chamou ao seu avogado dicíndolle que a Garda Civil lle retivera os 15.000 euros no Aeroporto de Barajas e que non llos devolverían ata tres días despois.

Dada a "relación de confianza adquirida durante 10 anos", nos que o avogado lle levou "varios asuntos", e co fin de "non frustrar o acordo alcanzado", o letrado accedeu a prestarlle os 15.000 euros e formalizar o acordo xudicial.

Tras o xuízo, o acusado, "con ánimo de enganar ao seu letrado, facilitoulle o teléfono de quen lle realizaría o pago no seu nome", algo que non era certo, e "mesmo o citou en Madrid para saldar a débeda", aínda que posteriormente recoñeceu que "non pagaría por non dispor do diñeiro".

O Fiscal considera os feitos constitutivos dun delito de estafa e pide para o acusado unha pena dun ano e seis meses de prisión e o pago dos 15.000 euros ao avogado.

Billetes EUROPA PRESS - Arquivo
Billetes EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta