O BNG de Santiago asegura que o diñeiro do Xacobeo "non pode" saír de "recortarlle servizos á cidadanía"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2020 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

A portavoz do BNG no Concello de Santiago, Goretti Sanmartín, asegurou que o diñeiro do Xacobeo "non pode" saír de "recortarlle servizos á cidadanía" en referencia ao plan do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, para preparar o Centro histórico para o Ano Santo.

Catedral de Santiago de Compostela
Catedral de Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press.

"Como gobernar é priorizar, desde o BNG queremos manifestar o noso desacordo con este plan polo seu enfoque, máis pensado para fóra que para dentro, e tamén porque a súa elaboración non foi un modelo de participación", indicou.

Sanmartín apostou por "un verdadeiro liderado e un plan de actuación para recuperar edificios históricos públicos ou privados", como a Casa da Parra, en mans da Tesouraría da Seguridade Social, ou a Sala Iago.

Sanmartín considerou necesaria unha "verdadeira aposta" pola vivenda pública, pediu un programa para mellorar as subvencións para a insonorización e illamento térmico de edificios do centro histórico, así como a axilización do plan para dotar de fibra óptima a zona vella.

A nacionalista asegurou que a "maioría destas obras deberían estar feitas a estas alturas" e subliñou que o diñeiro das obras de preparación do Xacobeo "non pode vir de recortarse servizos aos veciños". "Porque un bo alcalde goberna para quen vive e traballa en Santiago, non para quen nos visita un día ou unha semana", sinalou.

Así, criticou que o alcalde queira gastar "superávit" para o Xacobeo e sostivo que deben buscarse outras fontes de financiamento da Xunta e do Estado a través de achegas ao Consorcio e á Capitalidade, que o alcalde continúa sen reclamar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta