Galicia crea un protocolo de intervención para axudar a alumnos con dislexia e rematar cos estereotipos

A ferramenta atende á colaboración entre familias, centros e alumnado para tamén coidar do seu "benestar emocional".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2020 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

O sistema educativo galego dispón dun novo protocolo de intervención que axudará aos centros escolares, ás familias, aos servizos de orientación e ao propio alumnado a manexar os casos de dislexia ou outras dificultades da aprendizaxe.

Esta nova ferramenta foi ratificada este mércores pola conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, a presidenta da Asociación Galega de Dislexia (Agadix), Esther López Carbajales, e o director xeral de Educacion, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López, a través da firma do protocolo.

Esta nova ferramenta para mellorar a atención á diversidade "implica a colaboración e a participación do alumnado, profesorado, familia e servizos de orientación" dos centros educativos. De feito, o documento inclúe diferentes epígrafes dirixidos a cada un dos grupos para que saiban como "identificar os factores de risco, como previlos e como actuar" cando aparecen estas dificultades.

A xuízo de Pomar, "a dislexia non é fácil de detectar" en ningún dos contextos nos que se manifesta esta alteración. Por iso, todos os ámbitos deben colaborar e axudar a "mellorar os resultados" de alumnos con dislexia ou calquera outro tipo de dificultade. A desmotivación, a frustración ou ter que facer un maior esforzo constantemente no proceso de aprendizaxe poden "atallarse" con este tipo de protocolos, sinalou Pomar.

Algunhas das "claves" que recolle este documento pasan por diferenciar os factores de risco ou a identificación dos problemas en base á idade do estudante. Sobre isto, Esther López subliñou que, por exemplo, "de 3 a 6 anos non se ten adquirida a lectura nin a escritura", por iso débese manexar de forma diferente á situación dun alumno de primaria.

"ACABAR CO ESTEREOTIPO"

Ademais, Carmen Pomar tamén sinalou que este proxecto trata de "acabar co estereotipo" que circula tanto nas aulas como nas rúas de que "o neno con dislexia só ten problemas de escritura, que confunde as letras ou as inviste, cando a dislexia vai moito máis alá".

Algúns das alertas ás que a comunidade educativa e as familias deben prestar atención son os aspectos relacionados con "a psicomotricidade, a intelixencia e o ámbito social". Ás veces, confúndese co déficit de atención porque o estudante "perde o fío" e ás veces "son torpes a nivel motriz".

Por este motivo, resulta importante "prestar atención" a isto sobre todo na primeira infancia, porque "se se detecta a tempo" pódese adaptar o sistema de aprendizaxe desde primaria.

Presentación do protocolo de intervención para alumnos con dislexia e outras dificultades na Consellería de Educación e Universidades. XUNTA
Presentación do protocolo de intervención para alumnos con dislexia e outras dificultades na Consellería de Educación e Universidades. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta