Por Xurxo Salgado | Compostela | 17/09/2012 | Actualizada ás 08:00
A Alternativa pola Unidade, ás siglas da coalición na que se presentou a UPG na pasada asemblea nacionalista, acapara os postos de saída das listas do BNG ás vindeiras eleccións autonómicas. Deste xeito, e se se repetiran os mesmos resultados que hai tres anos e medio, oito dos deputados serían desta coalición, a inmensa maioría militantes da UPG, mentres que tres serían militantes de Abrente- Esquerda Democrática Galega e outro próximo a esta corrente excindida de Máis Galiza.
Dos catro primeiros postos da lista da Coruña, tres; Francisco Jorquera, Ana Belén Pontón e Fernando Blanco Parga, son da UPG, mentres que Ana Luísa bouza é de Abrente. En Pontevedra; agás o cabeza de lista, Carlos Aymerich, os tres restantes; Came Adán, Montse Prado e Luís Bará, son da APU, dous deles con carné da UPG. En Lugo, Cosme Pombo tamén milita nesta formación, mentres que Isabel Sánchez Montenegro é de Abrente e en Ourense, repitese o esquema. Tereixa Paz é da UPG, mentres que Xosé Manuel Cid é próximo a Abrente.
Desacordos entre UPG e MGS
Nos postos de saída non hai ningún representante do Movemento Galego ao Socialismo (MGS), a pesares de que a UPG ofreceu a posibilidade de que dous dos integrantes deste colectivo estiveran neles. Sen embargo, non se chegou a ningún acordo porque o partido que presidiu Paco Rodríguez quería impoñer os nomes desas dúas persoas; Paula Castro e Noa Presas.
A decisión non gustou á dirección do MGS que propuxo, entre outros nomes, os de Xosé Emilio Vicente, ex secretario xeral de Galiza Nova. Un perfil que rexeitou a UPG porque Vicente foi sempre moi crítico con esta formación. Finalmente, non houbo acordo.
Diferencias da UPG en Lugo
Tamén, e segundo as fontes consultadas, houbo dificultades na UPG en Lugo para elixir ao seu candidato a presidir as listas nesta provincia. Así, un sector pretendía que fora Ana Belén Pontón, actual voceira desta formación no Parlamento galego e natural de Lugo.
Sen embargo, outro sector da UPG en Lugo insistiu en postular outros nomes alegando que as dúas anteriores lexislaturas Pontón foi sempre nas listas da provincia da Coruña. Finalmente, a UPG decidiu situala como número dous na Coruña e postular a Cosme Pombo en Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.