Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2020 | Actualizada ás 19:13
A Cámara galega instou ao Estado a simplificar os trámites burocráticos aos que deben facer fronte os emigrantes galegos que deciden retornar á súa terra de orixe e que, segundo o PPdeG, teñen problemas á hora de lograr permisos de residencia para as súas parellas ou homologar títulos universitarios e permisos de conducir.
A proposición non de lei, debatida no pleno ordinario deste mércores no Parlamento de Galicia, saíu adiante co voto a favor do grupo maioritario, o PPdeG, de quen partía a proposta. Por contra, a oposición votou en contra da iniciativa mostrando as súas dúbidas sobre os datos de emigrantes retornados que ofrece a Xunta.
"Non é xusto que o principal problema que se atopen os galegos no exterior para retornar sexan os burocráticos", destacou a deputada popular Raquel Arias, que aseverou que "se o século XX foi o século da emigración, o XXI será o do retorno". Así, manifestou que "no que vai de lexislatura", é dicir, desde o ano 2016, volveron a Galicia un total de 20.000 galegos na diáspora procedentes de países como Suíza, Brasil, Estados Unidos ou o Reino Unido.
Pola súa banda, os grupos da oposición cargaron contra a "visión" da Xunta e o PP sobre o retorno de galegos do exterior, xa que aseguran que os "motivos" da súa volta non están en que Galicia ofreza "oportunidades dun futuro digno" senón que radican na situación que atravesan os principais países de orixe: Venezuela, Brasil e o Reino Unido (coa súa inminente saída da Unión Europea).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.