PSOE e BNG ao PP nun debate na Deputación de Pontevedra: "Non aceptaremos leccións en igualdade"

Foi a raíz dunha iniciativa para implantar o teletraballo na Administración provincial.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2020 | Actualizada ás 19:38

Comparte esta noticia

PSOE e BNG avisaron este venres ao PP durante un debate na Deputación de Pontevedra que: "Non imos aceptar ningunha lección de vostedes sobre materia de igualdade, é cuestión de principios".

Os deputados de ambas as formacións rexeitaron unha iniciativa do PP para implantar o teletraballo na Administración provincial. O portavoz do PSOE, Carlos López Font, cualificou a proposta dos populares como a "moción das sorpresas", pois reprocha que o PP retire subvencións a entidades que traballan no ámbito do feminismo ou avoguen polo chamado 'pin parental'. "Cando vostedes falan de igualdade os ollos póñense como pratos", reprocha.

O portavoz do PSOE lembrou que a Deputación de Pontevedra xa conta cun Plan de Igualdade "que xa ten contemplada a implantación da modalidade de teletraballo", polo que pediu ao PP que retire a moción. "A igualdade entrou neste palacio en xullo de 2015", engadiu.

Na mesma liña, o portavoz do BNG e vicepresidente da Deputación, César Mosquera, insistiu en que a posta en marcha do teletraballo "xa está". "Xa o estamos facendo, se tal poderían dicir vostedes que somos un pouco lentos, asumimos esa crítica; o resto é palabrería", censura. Pregúntase se os populares traen esta moción para "lavar a imaxe despois de pactar con VOX".

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, advertiu que: "En cuestión de defensa das mulleres eu non permito nin unha broma". A presidenta lembrou que o actual Plan de Igualdade finaliza en decembro deste ano 2020 e a Administración provincial encargou un "estudo rigoroso" sobre o teletraballo "porque noutras institucións apuntouse pouca xente".

POSTURA DO PP

Pola súa banda, a portavoz do Partido Popular, Pepa Pardo, sinalou que este rexeitamento do Goberno provincial á súa proposta "é un voto en contra da conciliación e a igualdade, que para vostedes ten siglas, cor e signo político".

"Deixáronme atónita e anonadada", dixo sobre a reacción de socialistas e nacionalistas. "A nós vostedes non nos dan ningunha lección de feminismo", replicou á súa vez Pardo, do mesmo xeito que PSOE e BNG.

PONTEGAL

O último dos puntos a debate foi a moción do Partido Popular para reclamar á Deputación de Pontevedra que rectifique as bases do catálogo Pontegal 2020 e que tamén inclúa nos solicitantes aos municipios da provincia para solicitar actuacións de grupos e artistas con cargo a este programa. A moción tamén foi rexeitada polos votos en contra do PSOE e o BNG.

Pleno da Deputación de Pontevedra. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Pleno da Deputación de Pontevedra. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta