O paridoiro de Verín reabre tras dous meses de protestas, pero non pecha a crise pola falla de pediatras en Galicia

A Xunta decidiu pechalo en base a "criterios médicos" e de "seguridade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2020 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

Tras dous meses de protestas, manifestacións e peches, acusacións cruzadas entre grupos políticos e representantes da Administración, directrices médicas e a procura de dous profesionais que cubrisen a súa área de Pediatría, o paridoiro do Hospital de Verín reabrirá este luns as súas portas para continuar unha actividade que cesou a inicios de decembro do ano pasado, cando a Xunta decidiu pechalo en base a "criterios médicos" e de "seguridade".

As matronas protestan contra do peche do paritorio de Verín
As matronas protestan contra do peche do paritorio de Verín | Fonte: Europa Press

Con todo, a situación vivida nesta área ata que o pasado 18 de xaneiro a xerente do Hospital Comarcal confirmou oficialmente que se atoparon dous pediatras para cubrir as prazas, non parece aínda superada no conxunto de Galicia.

De feito, a falta estrutural de pediatras, que apuntan tamén desde a Administración sanitaria, está a causar protestas en distintos puntos de Galicia, nos que profesionais, asociacións sanitarias e de pacientes aseguran que non se están cubrindo as baixas ou que faltan especialistas.

O último caso foi na Costa da Morte, onde os veciños de Fisterra denunciaron que non contan con servizo de Pediatría dado que a titular está de baixa; e o veciño Cee-Corcubión, onde o venres saíron á rúa a protestar tras coñecerse que un dos pediatras que a partir do luns traballará en Verín é, precisamente, o que cubría esta área. Desde a Xunta xa aseguraron, no entanto, que está previsto cubrir tamén esta praza.

UN PECHE POR "SEGURIDADE"

A situación do paridoiro do Hospital de Verín saltou aos titulares nos últimos días do mes de novembro do ano pasado, tras coñecerse que a Xunta ordenara o seu peche alegando motivos de "seguridade" para as nais e os bebés nados deste centro.

Foron, segundo explicou naqueles días o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expertos en Xinecoloxía e Pediatría da área sanitaria os que "por unanimidade" estableceron que debía tomarse esta situación por seguridade, dada a "diminución drástica de partos anuais".

Esta situación sumábase, ademais, á imposibilidade de cubrir as dúas prazas de Pediatría no hospital, que quedaron desertas na convocatoria do verán pasado e, de novo, nunha convocatoria extraordinaria que se pechou o 7 de xaneiro deste ano.

"Se temos pediatras en Verín e dinnos que volvemos dar as condicións de seguridade no parto e na atención aos nenos, volveremos rehabilitar o acto concreto do parto no hospital comarcal. Que son 60 actos de parto ao ano", asegurou, no seu momento Núñez Feijóo.

MANIFESTACIÓNS E PROTESTAS

Desde o primeiro momento, a decisión de pechar o paridoiro de Verín creou un forte malestar social e sucedéronse as manifestacións e protestas pola área, así como un peche no propio hospital.

Sindicatos, partidos políticos da oposición e plataformas como SOS Sanidade Pública ou a Asociación Galega de Matronas contrapuxeron os riscos que alegaban as sociedades médicas aos perigos de obrigar ás mulleres de parto na zona a desprazarse case 60 quilómetros para dar a luz, ata a cidade de Ourense.

De feito, nos dous meses que permaneceron pechadas estas instalacións naceron en Verín catro nenos, dado que a prema no parto facía inviable trasladalos ata o CHUO.

Despois de que a última convocatoria das prazas de Pediatría, pechada o 7 de xaneiro, quedase deserta, a nova xerente do Hospital de Verín —o anterior dimitiu por decisión persoal no medio deste conflito, o 27 de decembro— anunciaba nun comunicado o 18 de xaneiro a contratación de dous pediatras para o centro e a apertura do paridoiro a inicios do mes de febreiro.

Foi o conselleiro, Jesús Vázquez Almuiña, o que deu a data definitiva, este luns de 3, nunha comparecencia no Parlamento na que precisou que esta será a primeira vez desde 2006 que o centro conte co servizo de Pediatría.

Na mesma comparecencia, Vázquez Almuiña volveu sacar a colación a "escaseza de pediatras" que afecta a "toda España" e que fai prever que as protestas por estes servizos continuarán reproducíndose noutras áreas galegas, como agora ocorre na Costa da Morte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 fixeron parida

ha moito dor entre compañeiros, fixeron caso a xunta e quedaron no mais grande dos ridículos o defender os postulados pepeiros de xinecologos e pediatrias... pero non se pecha, agora polas protestas, e un intermedio... despois de que gañen as eleccions os nazifacistas de pepeiro e VO卐, pecharan definitivamente o paridometro...