Asociacións contra o carbón rexeitan a demanda dunha "transición xusta" para As Pontes "sen data de peche"

Insisten na "necesidade" de "adoptar unha decisión firme sobre o peche a curto prazo" da central para "poder planificar unha verdadeira transición xusta que non deixe desprotexidas ás familias afectadas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2020 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

A plataforma 'Galiza, un futuro sen carbón', formada por diferentes asociacións ecoloxistas, cualificou este luns de "absurda" a decisión do Parlamento galego de demandar unha "transición xusta" para a central térmica das Pontes, sen "definir un calendario de peche".

Desta forma, insistiu na "necesidade" de "adoptar unha decisión firme sobre o peche a curto prazo" da central para "poder planificar unha verdadeira transición xusta que non deixe desprotexidas ás familias afectadas".

Así o manifestou ante o acordo da Cámara autonómica do pasado 29 de xaneiro no que PP, PSOE e BNG reclaman ao Goberno central a creación dunha "folla de ruta" que "garanta o futuro" das 750 familias que dependen da actividade da central térmica de Endesa, así como a "paralización da tramitación do expediente de peche da central de carbón", que foi presentada pola empresa o pasado 27 de decembro.

A plataforma engadiu que o peche das Pontes "non debe estar condicionado a unha transición xusta para os traballadores" en tanto que "reducir as emisións é unha urxencia ambiental de primeira orde" e acusa o Parlamento de "desatender as advertencias climáticas da comunidade científica e as demandas da gran mobilización climática do 27-S".

"MESTURA DE COMBUSTIBLES"

A proposición non de lei acordada na Cámara galega, da que se descolgaron Grupo Común da Esquerda e o Grupo Mixto, inclúe que non se acepte a tramitación do peche da térmica ata que "conclúan as probas con distintas mesturas de combustibles e existan alternativas viables para o mantemento do seu emprego".

Ante isto, a organización denunciou que o Parlamento se referise "eufemísticamente" ao que, aseguran, trátase da "co-combustión" de carbón e residuos orgánicos. Unha opción que "é claramente antiecolóxica que debería ser descartada definitivamente sen necesidade de máis probas", segundo engadiron.

Por iso, a asociación insta a "negociar e concretar canto antes un Convenio de Transición Xusta" que, indicaron, "está previsto a nivel estatal no Marco Estratéxico de Enerxía e Clima".

A central termica das Pontes.
A central termica das Pontes.

Protesta de traballadores nas Pontes.
Protesta de traballadores nas Pontes.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta