Como poden condicionar os pactos entre partidos os resultados electorais en Galicia?

Unidas-Podemos, En Marea, BNG e Anova no ámbito da esquerda e do nacionalismo e o PPdeG e Ciudadanos, no da dereita, non se acaban de poñer de acordo sobre as cesións e os modelos para un acordo electoral. En xogo, milleiros de votos que poden condicionar unha balanza que está moi equilibrada e que pode acabar beneficiando ao PSOE e a Vox.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 03/02/2020 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

Os acordos e pactos electorais están á orde do día e nunca, como ata agora, poderían decidir os resultados dunhas eleccións en Galicia. Nin a esquerda rupturista, nin o nacionalismo, nin a dereita se poñen de acordo sobre o modelo a seguir ante un escenario que se prevé moi igualado e no que uns poucos votos poden decidir o futuro presidente galego.

Yolanda Díaz (EU), Xosé Manuel Beiras (Anova) e Pablo Iglesias (Podemos)
Yolanda Díaz (EU), Xosé Manuel Beiras (Anova) e Pablo Iglesias (Podemos)

E é que a día de hoxe hai tres modelos de pactos. Por unha banda, o nacionalista ou soberanista que implicaría a Anova, En Marea e BNG, é dicir, aos mesmos actores que formaban parte do espazo nacionalista antes da ruptura de Amio, en 2012. Polo outro, o espazo rupturista no que xa están Podemos e Esquerda Unida á espera do que faga Anova e Esquerda Anticapitalista, que a pasada semana anunciaba a súa saída de Podemos. E, finalmente, nun escenario novidoso en Galicia, estaría o Partido Popular e Ciudadanos, tras a oferta de pacto do segundo.


A COALICIÓN NACIONALISTA E SOBERANISTA


A decisión de Anova, a formación de Xosé Manuel Beiras, de explorar en distintos ámbitos unha fronte electoral condicionará o espazo nacionalista e o da esquerda rupturista. Desde En Marea saudaron a decisión desta formación de abrirse a buscar puntos de encontro con eles e co BNG na procura dun espazo conxunto do nacionalismo e do soberanismo. "Ábrese un escenario máis positivo tras o cambio de posición de anova que saudamos e que se sitúa nesa liña na que nós estamos de configurar unha unidade de forzas galegas na lóxica soberanista", apuntaba este luns Luís Villares.


Unha posición que, pola contra, non entusiasma no BNG. "Nós temos un proxecto político propio e sólido e temos a mellor candidata que é a máis valorada polos galegos e as galegas", respondía ao respecto Olalla Rodil, a voceira nacionalista en funcións.

Ana Pontón e Luis Villares
Ana Pontón e Luis Villares | Fonte: EPG


Posturas diferentes que vaticinan as grandes dificultades que está habendo no mundo nacionalista para artellar unha fronte común. Unhas diferencias que poderían marcar que o nacionalismo e soberanismo galego puidera ser a terceira ou mesmo a segunda forza política galega se sabe xestionar  ben esa unidade, ou que puidera acabar como cuarta ou mesmo quinta posición política na Cámara galega.


Porque, as diferencias van máis alá do interese en dialogar ou en integrar. Polo momento, non hai nin acordo na forma dese acordo. Así, mentres que En Marea é partidario dunha "cooperación horizontal" e, polo tanto, dunha "coalición" electoral, no BNG son rotundos: "Nós temos xa o noso proxecto e a disposición de liderar ese cambio e, a partir de aí, tendemos a man a quen queira entrar no Bloque", indicaba Rodil. É dicir, esta formación xa deixa claro que non acepta a coalición, nin o pacto electoral, e que a única forma posible é a da integración baixo as súas siglas.


Con todo, o BNG xa ensaiou o modelo da coalición electoral. Foi nas eleccións do 2015, cando acudiu acudiu nas catro provincias baixo a coalición Nós - Candidatura Galega, á que se sumaron partidos independentistas e que contou cos apoios de Rafael Cuíña, daquela alcalde de Lalín e militante de Compromiso por Galicia e Cerna, partido que hoxe está dentro de En Marea.


PODEMOS, UE E ANOVA


Ante este case "non" do BNG a unha coalición, En Marea podería ir en solitario --a non ser que se busquen outras alternativas de última hora- e Anova podería tentar achegarse a Podemos e UE, con quen xa ten unha unidade de acción en Común da Esquerda,  no Parlamento galego, pero cos que non pactou nas pasadas eleccións xerais.


Sobre unha posible alianza, a voceira de Común da Esquerda, Luca Chao, lembrou que este é un "espazo amplo no que caben todos", e deixou claro que, En Marea é unha cousa e Común da Esquerda, outra. "Hoxe hai dous proxectos ben diferentes", insitiu ao suliñar que non se pode repetir a fórmula de En Marea de hai catro anos. "O tempo dos experimentos con gaseosa xa remataron", dixo ante a posibilidade de volver falar coa formación de Villares da que se separaron de malos xeitos. Un mal divorcio do que aínda seguen supurando as feridas.

En todo caso, Luca Chao dixo confiar en que, a pesar da marcha dos anticapitalistas de Podemos, ou das distintas alternativas que vai explorar Anova, ao final, as distintas sensibilidades políticas acaben confluíndo nunha candidatura conxunta con Podemos e EU.


CIUDADANOS E O PP


Na banda da dereita tampouco está o forno para cocer bolos. A proposta lanzada por Ciudadanos para unificar nunha candidatura -- Inés Arrimadas, a súa líder, chamoulle Mejor Unidos -- a populares e laranxas, acaba de poñer nun apuro ao Partido Popular. A voceira parlamentaria do PP en Madrid, Cayetana Álvarez de Toledo, saudou a proposta, mentres que o presidente galego xa a desbotou. Posicións diferentes que amosan tamén a distintas visións que o propio Partido Popular ten sobre esta cuestión.


Unhas divisións que poñen en risco a posibilidade de unificar o centro-dereita en Cataluña, Euskadi e Galicia, tal e como piden dirixentes dos dous partidos. Arrimadas xa avisou de que, ou van unidos nas tres comunidades históricas, ou cada quen irá por separado. E, nese punto, Feijóo e o PPdeG advertiu que non haberá cesións. "O espazo do centro-dereita en Galicia está moi ben representado polo Partido Popular", dicía este luns o voceiro parlamentario popular, Pedro Puy, dando por pechado este debate.


Posicións que poden provocar o naufraxio dunha alternativa na dereita que pode potenciar a outra máis radical. Dirixentes populares temen que a presentación de listas de PP e Cs por separado en Cataluña provoque un ascenso de Vox, que se podería converter na gran alternativa ao independentismo en Cataluña e, de paso, poñerlle as cousas difíciles a Feijóo en Galicia nas eleccións galegas.

Con todo, e como informa Europa Press, vicesecretario de Comunicación do PP, Pablo Montesinos, defendeu este luns que PP e Ciudadanos vaian "unidos" nas eleccións que se celebrarán en Cataluña e País Vasco, pero descartou a mesma operación en Galicia, xa que, segundo dixo, o "centro-dereita está unificado" en torno ao PP galego que dirixe Alberto Núñez Feijóo.

Nunha entrevista en RNE, Montesinos sinalou que "respectan moito os tempos de Ciudadanos", que está ás portas dun congreso a mediados de febreiro no que se elixirá ao novo líder do partido tras a marcha de Albert Rivera.

En concreto, o PP considera que en Cataluña e País Vasco ambos os partidos deberían ir "unidos" ás eleccións porque se o fan así "van reforzar o constitucionalismo". Con todo, subliñou que no caso de Galicia "o centro-dereita xa vai unido" nas siglas do PP, de forma que Alberto Núñez Feijóo "hoxe goberna con maioría absoluta".

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na reunión Interparlamentaria do partido. PPDEG
O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na reunión Interparlamentaria do partido. PPDEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

4 Gamela

Mentres BNG sega mantendo a folla de ruta marcada pola UPG os votos irán para o PSOE de Abel e Carmela (a maquinaria electoral está a pleno rendemento dende a Deputación de Pontevedra) Mentres na dereita galega os votantes poden quedar na casa ou votar VOX ! O resto non chegarán ao 5% agás milagres de última hora...

3 Moañés

http://www.galiciaconfidencial.com/... --> para poñer fin a estes PROBLEMAS REAIS, o primeiro que deberían facer TODOS os partidos de esquerdas é UNIRSE e aparcar as diferencias, para PRIMEIRO conseguir botar da Xunta a que está desmantelando os Servicios Públicos. Xa despois, unha vez conseguido o poder, sería o momento de, con SENTIDO COMÚN, negociar os repartos por áreas ou como vexan, sempre entendendo que estarán ó SERVICIO DA CIDADANÍA. (dáme que igual é moito pedirlles...)

2 Geronimus

Vox sigue marcando la agenda política gallega, ja,ja. Publicidad gratis.

1 PEPE RUINA DO POBO GALEGO

pacto debe ser de frente popular o de democracia contra o facismo de vox do grupo subcontratado polo partido putrefacto PP... e un-ha subcontrata do pepeiro... anque o voceiro paralamentario do pepe o negué una e outra vez non son mais cun puñado de reaccionarios o servizo dos mandriles para afundir a Galiza detrás deles esta o caciquismo e o entregacionismo que leva a desaparición da Galiza... viven do postureo, de mentir durante anos e anos decindo que son un gobernó eficaz... e no único que son eficaces en perder os cartos dos Galegos... e hora de polos fora deste país a estes señores funestos!!!

1 CastelaoPaSogama

Deixa de botar por fóra co fascismo e entérate https://latribunadelpaisvasco.com/a...

2 VoxPaSogama

Feixismo fora da Galiza.