Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2020 | Actualizada ás 13:15
A plataforma Por Un Tren Digno sostivo este mércores que a intermodal exposta para Ourense "á hora da verdade deixa tirada á cidade". Así o manifestou o movemento cidadán nunha rolda de prensa na que quixeron deixar clara, unha vez máis, a súa postura de rexeitamento ao proxecto de intermodal.
O portavoz da plataforma, Jesús María Pérez, definiu o proxecto que conta coa implicación de Adif, o Ministerio de Fomento e a Xunta, como "unha estación low-cost, de terceira categoría e que non resolve ningún problema, senón que xera outros".
En primeiro lugar, o portavoz aclarou que "a plataforma non é correa de transmisión de ningún partido político" co fin de "saír ao paso" das declaracións da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que os acusaba de facer 'seguidisimo' do PSOE.
A continuación pedíronlle a Ethel Vázquez que "veña e expliquei cales son as cuestións técnicas que fan inviable o proxecto inicial de Norman Foster". Tamén lle solicitaron á conselleira de Infraestruturas que "non escurra o vulto" á hora de falar de "os incumprimentos do AVE" porque "o seu partido tamén ten responsabilidades".
Así mesmo, Jesús María Pérez cualificou de "ciencia ficción" as declaracións da conselleira e as dúas arquitectas que aludían nunha comparecencia ante os medios a que "a estación de autobuses vai mellorar o centro de saúde". "É unha broma de mal gusto dicir que unhas dársenas pegadas a un centro de saúde vano a mellorar", insistiu o portavoz. O que a plataforma reclamou é "un pacto de cidade" que mire polos "intereses en común".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.