Braga, a capital cultural da vella Gallaecia

Acollerá máis de medio cento de actividades ao longo do 2020. A inauguración, esta fin de semana encheu á cidade co folk de Sondeseu e Daniel Pereira Cristo.

Por Galicia Confidencial | Braga | 10/02/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

“Braga, ao acoller a Capital da Cultura, renova o seu compromiso con este proxecto do Eixo Atlántico que consideramos fundamental desde o punto de vista da repartición de experiencias, de proxectos, de identidade con este gran territorio que é a eurorrexión, na que sentimos plenamente integrados”. Foron parte das verbas de Ricardo Río, alcalde de Braga e novo presidente do Eixo Atlántico, na cerimonia de apertura da Capital da Cultura do Eixo Atlántico - Braga 2020 que tivo lugar o pasado sábado no Altice Forum de Braga.

Sondeseu actuando en Braga na inaguración do Ano Cultural do Eixo Atlántico nesta cidade
Sondeseu actuando en Braga na inaguración do Ano Cultural do Eixo Atlántico nesta cidade | Fonte: remitida

E o certo é que Braga foi a capital da música tradicional, tanto galega como portuguesa, da vella Gallaecia esta fin de semana cun gran concerto que arrincou cos acordes de “Fazer o Piñeiro” do recoñecido músico portugués Daniel Pereira Cristo. A súa actuación puxo en pé ao público cando acabou cunha canción de Zeca Afonso.

Despois foi a quenda de Sondeseu, unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. A música de Rodrigo Romaní, Anxo Pintos, ou José Enrique Comesaña Pedreira, entre outros compositores, acenderon a un público entregado que abarrotou o Altice Fórum de Braga. Até unha ducia de temas foron salpicando a súa actuación de máis dunha hora , colofón de exaltación da música popular, tanto galega como portuguesa, onde as emocións pasaban de temas intimistas, até a celebración máis alegre e desenfadada.

Rodrigo Romaní e Daniel Pereira Cristo dirixíronse ao público para agradecer non só que fosen os elixidos para a inauguración, “senón pola oportunidade de formar parte de dous territorios que levan unha vida en común e pór en conxunto a riqueza musical e cultural da eurorrexión”. 

A programación deseñada para este ano inclúe 52 eventos de referencia do Municipio de Braga e un conxunto de novas iniciativas que contan coa colaboración de axentes culturais dos municipios do Norte de Portugal e de Galicia. A tipoloxía dos eventos abarca Cultura Urbana; Artes plásticas: pintura, escultura, debuxo, gravado, cerámica, ourivaría, artesanía; Música contemporánea, clásica, Ópera e Folk; Poesía; Teatro; Cinema; Exposicións; concertos; encontros de industria cultural; fotografía ; encontros sectoriais do mundo da cultura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta