Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2020 | Actualizada ás 13:11
O conselleiro de Medio Rural, José González, reclamará este mércores ao ministro de Agricultura, Luis Planas, diversas medidas que garantan a viabilidade dos produtores galegos, que pasen por garantir que se cubran os custos de produción e non haxa venda a perdas, á vez que empraza ao impulso dunha lei estatal de incentivos fiscais para a actividade agrogandeira e forestal.
No marco do encontro que terá lugar en Madrid do ministro cos conselleiros de agricultura das comunidades para abordar a problemática dos prezos dos produtos do campo, José González avogará por que o Goberno central actúe para conseguir prezos "xustos" e "rendas dignas" para o sector agrícola e gandeiro.
Neste sentido, o Goberno galego encargou un "informe xurídico" sobre as posibilidades lexislativas a nivel estatal. Aquí, defende que Galicia fixo os "deberes" a través dos "impostos cero" no rural, polo que opina que "queda marxe de mellora nos tributos estatais".
Todo iso, ás portas da mobilización que fará o sector lácteo galego na Coruña o próximo 19 de febreiro e nun marco de protestas de produtores do resto do país.
GARANTIR CUSTOS DE PRODUCIÓN
Dado que a UE impide a fixación de prezos mínimos, o conselleiro destaca a importancia de que se constrúan prezos dos produtos do sector primario a partir do custo de produción co fin de combater a venda a perdas.
Respecto diso, José González chama a "ampliar" o catálogo de prácticas prohibidas para mellorar a protección dos produtores. Cre necesario aproveitar a transposición da normativa europea para modificar a lexislación estatal, en particular as leis de competencia desleal, defensa da competencia e funcionamento da cadea alimentaria.
Así, o conselleiro pedirá a constitución de grupos de traballo con participación das comunidades para o desenvolvemento do proceso desa transposición de normas comunitarias e da revisión lexislativa estatal.
"PREOCUPACIÓN" DAS DO POR ARANCEIS Ao VIÑO
Por outra banda, o conselleiro de Medio Rural quixo mostrar o seu "apoio" ás actuacións a desempeñar polo Ministerio de Agricultura para buscar eliminar os aranceis de Estados Unidos do 25% que afectan especialmente os viños de Rías Baixas.
Sobre este extremo, sinalou que constatou a "preocupación" dos consellos reguladores das denominacións de orixe galegas ante a súa incidencia nas exportacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.