O totalitarismo que vén

A tecnoloxía, o medo e a apatía

Por Galicia Confidencial | Bruxelas | 12/02/2020 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

A grande avantaxe de Netflix fronte as outras plataformas é que distribúe, cando non produce, películas e filmes que doutro xeito serían moi difícil de atopar. Procedentes de países moi alonxados de Hollywood constitúen una fiestra aberta ás paranoias e esquizofrenias que no fondo constitúe a identidade propia de cada pobo.

Censura.
Censura.

A serie turca Börü (Lobo), espectacular mestura de acción e compañeirismo dun comando que ora loita contra os kurdos, ora contra os integristas e un popurrí de kemalismo, neotomanismo e neoislamismo da Turquía de hoxe; a trama de fondo é un alegado heroico da versión de Erdogan do golpe de estado de agosto de 2016.

Tamén en Netflix podemos ver “Parmanu”, unha delirante película de acción que recrea desde o máis estrito nacionalismo hindú gobernante a ruptura pola india nos en 1998 do pacto nuclear, enfrontándose aos pérfidos estadounidenses,  e que foi orixe da proliferación de bombas atómicas do Indostán, a Corea e Irán.

En “1983”, primeira e estilizada serie producida pola plataforma en Polonia amósasenos con grande verosimilitude un país no que aínda hoxe goberna o partido comunista, reconvertido iso si aos teléfonos intelixentes, redes sociais e ao capitalismo  de amiguetes de partido, todo isto a raíz dalgo que pasou no ano que titula esta ficción e o medo que causou na crédula poboación.

Non estamos a falar da vella propaganda ramplona do autócrata de turno, quer que a dixitalización baixou moito os custes de produción ou por ser xenerosamente financiadas, ben sexa polo goberno de turno e mesmo pola propia multinacional, están saíndo a miúdo obras dunha calidade comparable á ficción norteamericana. En “Nada é certo e todo é posible” Peter Pomrerantsev fala da emerxencia dos “tecnoloxistas políticos” na Rusia de Putin, encargados de usar os medias para confundir realidade e ficción. Nada novo en realidade, a Italia de Berlusconi foi chamada Videocracia, e o certo e que segue a ser o caso.

Por Italia pasou Ed Balls, ex ministro de finanzas e man dereita de Gordon Brown, que desde que perdeu o seu escano perdeu tamén o senso do ridículo e gañou a felicidade. Estivo a filmar en Milán “Viaxes en Eurolandia” (BBC2) pasando o día e a noite cunha “starlette” italiana da era do instagram, todo o día facendo selfis co móbil, un millón de seguidores nas redes e por suposto fan do home forte Salvini, outro político que vive da excitación constante das masas polas novas tecnoloxías. Estivo tamén polo sur de Italia e no norte de Francia, onde unha familia de paisanos calabreses e outra de obreiros industriais pasaron en poucos anos de votar comunista a acérrimos defensores do Movemento 5 Estrelas do comediante Beppe Gillo ou a mestura postmoderna de dereita ultra, redes globais e proteccionismo populista  da antes chamada Fronte Nacional.

Aburrimento democrático. Semella que 60 anos de sistema político relativamente estable en occidente sexa demasiado tempo para uns seres humanos que ata daquela vivían cun pe na barbarie. Na idade dourada das inmensas fortunas industriais do século XIX algúns fillos desa clase privilexiada suicidábanse de puro aburrimento. Un sistema de partidos, por non falar dunha prensa amarela no que o único xeito para competir semella chamar polos máis baixos instintos e as solucións expeditivas custe o que custe para a convivencia cívica.         

Fálase en Europa, polo menos en certos círculos e entre os académicos (moi recomendable seguir a Daniel Kelemen e sobre todo a Laurent Pech) da deriva do “Rule of Law” en Polonia e Hungría, moitas veces por leas bruxelenses por outros temas (o reparto dos fondos europeos) e no que, denuncian estes autores, as institucións europeas con tal de non meterse en leas ao final non toman medidas. Non hai quen falta que di, que por que se estrañan que neses países os gobernos queiran controlar o nomeamento de xuíces e fiscais afíns, mesmo e sobre todo os do constitucional, cando nos nosos pagos é a práctica establecida. Cecais, o que cambia é o grao de seriedade do problema e a latitude.

O outro día non funcionaba o wifi. Dun día para outro non daba sinal. Chamei á compañía telefónica, e a telefonista describiume sen inmutarse cantos teléfonos móbiles, tabletas e outros aparatos tiña nese momento en funcionamento. Non se trata que calquera compañía de tarxeta de crédito, os nosos bancos e os propias compañías de telecomunicacións poidan facerse un perfil moi axeitado das nosa personalidade, gustos e medos. Xa se sabe que se un servizo, ben sexa Google ben sexa o correo electrónico, é gratis e porque ti es a mercadoría. Ao cabo o “big data” é iso. E logo aínda hai quen se escandaliza que a Generalitat ou o Instituto Nacional de Estatística mercara os datos da sinal xeográfica de cada móbil durante o espazo de dúas semanas para facer a imaxe máis exacta endexamais creada de onde vive, traballa e como se move a inmensa maioría da poboación española. 

Xa falamos aquí noutro momento do sistema de crédito social instaurado en China, polo que cada persoa se lle asigna un “rating” e se fai algunha cousa que seca vista deshonesta, os outros cidadáns poden facer unha valoración negativa, polo que a persoa poderá ser penalizada no acceso a servizos públicos, a obtención dun creto, etc. O caso é que é un sistema popular entre a poboación xa que a solución tecnolóxica reduce o risco de ser estafado. No fondo, todo o que teña vivido nalgún país con pésima atención ao cliente, tenta facer por internet todas as xestións que poida, todo con tal de eliminar o factor humano.

Xa por iso nin nos estraña que o goberno chinés, como denunciou con moi pouca repercusión posterior, un consorcio de medios occidentais, manteña nun control tecnolóxico total á poboación uigur. O curioso é que máis ca unha expresión de forza é máis ben unha mostra de debilidade, dun poder con tanto medo de perder o control que reacciona con todos os medios tecnolóxicos que ten ao seu alcance. E por iso a polémica actual sobre deixar que Huawei teña acceso aos contratos de 5G en Occidente. O medo do poder, pero tamén a cultura do risco cero na que vivimos,  tamén explica a reacción  de pechar a millóns de persoas en corentena.

É unha norma fundamental do comportamento humano que se algo foi inventado, por moi horrible que sexa, acabará sendo utilizado. Sendo certo que a historia non se repite pero si rima é só cuestión de tempo que se estenda por todo o mundo a combinación apatía, desesperanza e medo coa tecnoloxía de control social inimaxinable no 1984 de Orwell.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta