Primeiro complexo moderno: o tamaño importa.
Esquécese o valor simbólico e medra a fiscalización das referencias culturais segundo o peso e o vulto. Ou como se cambiou o significado polo significante. Pensemos na bandeira da praza de Colón, en Madrid: 290 metros cadrados de bandeira caeron ao chan, simbolizando -quen sabe!- o estado do país. Non se lesionou ningún viandante que puidese berrar: “Me duele España” pero Unamuno sufriría o seu vendo tamaño esperpento. Non hai mastro para tanta bandeira.
Tamén lle afecta ás veces á longura do himno galego; semella que non se sente igual se lle falta algunha estrofa, que vai coxo, amputado ou queda sen sentido. Semella que hai que chegar á derradeira sílaba para non pasar por imbéciles e escuros.
Segundo complexo moderno: a mestizaxe sobra.
Hainos que asubían se o himno galego se toca nunha guitarra española con toques aflamencaos; a outros arrepíalles que se rapee a Rosalía ou que unha cantante israelí nos cante a historia de María Soliña. Os puristas están sempre atentos á xogada para erguer a voz e restituírlle ao símbolo a súa pureza orixinal, fóra de calquera síntoma de globalización e cruce de razas.
Terceiro complexo moderno: a hipocrisía.
Entre os que cantan orgullosos o himno máis berrado ultimamente, xa saben: Yo soy españoooool…, destacan deportistas de elite que ben poderían cambiarlle a letra e cantar Yo soy de Andorraaa, ou de San Marinooo, segundo onde vaian desviar os seus cartos para non tributar en España. Me duele Andorra. Non soa igual.
Outros símbolos son utilizados en horario de máxima audiencia televisiva para arrimar votos. Pensemos na esperpéntica “devolución” do códice. Tras ese secuestro gore que saca outra vez as cores da nosa Galicia profunda (e que conste que eu non o digo polo electricista) escenificouse a submisión do poder civil ao eclesiástico. Entre claras reminiscencias do cadro A rendición de Breda, de Velázquez, realizouse a entrega de chaves da cidade: xenuflexións rancias e lanzas cruzadas. Pregúntome se cobrará valor a FP rama de Electricidade como símbolo de galeguidade. E eu por que penso na figa?
Cuarto complexo moderno: o circo mal entendido.
Non é nada novo que o deporte, nomeadamente o fútbol, mantén o seu valor opiáceo desde o franquismo. Agora só aumentou en dose e composición, e a patente tena a FIFA. Ata semella que se lle concedeu un valor nacionalista, un plus de orgullo e raza. A copa de Europa érguese con sentimento coma un novo Santo Grial. E por desgraza, hai que recoñecer que a achega do circo é fundamental: escorrenta a sensación de fame.
Os malpensados/as dirán que se están reorientando os valores simbólicos da xuventude dun xeito manipulador. O tempo o dirá. Serán os mozos e mozas os que terán que construír os mitos que lles proporcionen identidade no medio de tanta desfeita orquestrada. Eu dubido moito que eses mitos e referentes da nosa xuventude - cun 50% de parados e dependendo de pais ou avós pensionistas- sexan Casillas ou Alonso, por moitas satisfaccións que proporcione a incuestionable (e sobrevalorada tamén) valía deportiva dos seus ídolos.
Pero haberá que renacer despois da caída do mito fundacional do Santo Euro. Para iso están outros himnos máis universais e versátiles, os que a xente adopta derrubando tamaños, idiomas, complexos e fronteiras. Os que non se dan nos libros de texto. Pensemos en Freddy Mercury cantando We are the champions. Quen non quere ser un campión? Este non é tempo para perdedores. Este non é país para novos. Ademais, o certo é que a historia non nos acaba de ensinar aos galegos a ser loosers, por máis que vivamos máis irmandiños ca nunca. Simbolicamente falando.