As mulleres, protagonistas nas III Xornadas de Novela Histórica de Verín

Os vindeiros 27 e 28 de marzo, a vila do Támega será o epicentro cultural deste xénero literario cun ciclo de conferencias de primeiro nivel que poñerán en valor o papel da muller ao longo da historia.

Por X.M. Fernández | Verín | 13/02/2020 | Actualizada ás 22:50

Comparte esta noticia

As "Xornadas de Novela Histórica", que este ano chegan á súa terceira edición, están organizadas pola Biblioteca Municipal do Concello de Verín en colaboración con SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega). O evento foi presentado na Biblioteca este mércores 12 de febreiro polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, pola concelleira de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza, e polos responsables da propia Biblioteca, Aurora Prieto e Vicente Rodríguez.   

Presentación 'Xornadas de Novela Histórica' 2020. Fonte: Prensa Verín
Presentación 'Xornadas de Novela Histórica' 2020. Fonte: Prensa Verín

O papel da muller na historia será o motivo central das xornadas nesta edición. "A historia escribírona os homes na inmensa maioría e esqueceron ás mulleres, é unha materia aínda pendente, por iso este ano quixemos que elas foran as protagonistas nas III Xornadas de Novela Historica", explicou Aurora Prieto.

Segundo destacou Vicente Rodríguez, "nesta terceira edición contaremos coa presencia, entre outros, de escritoras e escritores de grande prestixio" como Luz Gabás, autora de Palmeras en la nieve e Regreso a tu piel; María Vila co seu libro La leyenda de las dos piratas, onde, nunha época gobernada por homes, dúas mulleres rebélanse contra a vida que lles corresponde vivir en busca de liberdade; María Solar, autora galega de Os nenos da variola, e As horas roubadasEva Díaz, que nos falará sobre como escribir novelas históricas dende a perspectiva feminina, autora de El color de los ángeles e finalista do Premio Nadal 2008; ou Rosario Raro autora de Volver a Canfranc, onde a protagonista é unha muller valente, loitadora que arrisca a súa vida por os demais.

A cita contará con relatores e relatoras de primeiro nivel, haberá un seminario dirixido a centros de ensino de 3º e 4º da ESO, unha táboa redonda con Javier Sierra, José Calvo Poyato e José Luis Corral e un selecto acompañamento musical co luthier e trobador Emilio Arias.

Emilia Somoza, concelleira de Cultura e Festexos, afirmou que estamos diante dunha "cita ineludible para todos os amantes deste xénero literario e unha magnífica oportunidade de escoitar a autoras e autores que sempre están nas listas dos libros más lidos" mentres que Gerardo Seoane, Alcalde de Verín, destacou a importante achega que supoñen as xornadas á axenda cultural da vila. Neste senso lembrou o éxito de participación da segunda edición -na que houbo preto dun milleiro de asistentes- e tamén se gabou do traballo do goberno local para converter a vila nun referente cultural de eventos temáticos de gran calidade. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta