Eleccións: Galicia perde 2.000 votantes e hai 5.000 mozos menos que poderán facelo por primeira vez

Case 2,7 millóns de persoas están chamadas a votar o 5 de abril, 72.964 por primeira vez nunhas autonómicas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2020 | Actualizada ás 11:13

Comparte esta noticia

Un total de 2.699.876 persoas están chamadas a votar nas próximas eleccións ao Parlamento de Galicia, que se celebrarán o 5 de abril, o que supón 1.961 votantes menos que nos comicios de hai catro anos, celebrados o 5 de setembro. Ademais, tamén hai menos novos que poden votar por primeira por cumprir neste período 18 anos, xa que agora están chamados ás urnas 72.964, fronte aos 78.172 de 2016.

Foto de Arquivo dunhas eleccións. EUROPA PRESS - Arquivo
Foto de Arquivo dunhas eleccións. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Son os datos que se desprenden do censo electoral actualizado este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE), e dos que se desprende tamén que 2.237.062 persoas son electores residentes en Galicia e 462.443 viven no estranxeiro.

De feito, fronte ao descenso de case 2.000 persoas no censo total, incrementouse o número de residentes ausentes, que pasa de 446.269 en 2016 a 462.443 para este ano, é dicir, 16.174 persoas máis. Sobre o total do censo, o voto de residentes ausentes supón o 17,1 por cento.

A Coruña conta co maior número de electores (1.088.876), seguida de Pontevedra (907.051), Ourense (359.591) e Lugo (343.987). Desagregados por circunscricións e por lugar de residencia, hai 928.920 e 159.956 residentes en Galicia e no estranxeiro na Coruña, respectivamente; 773.289 e 133.762 en Pontevedra; 258.374 e 101.217 en Ourense; e 276.479 e 67.508 en Lugo.

Dos 462.443 residentes no estranxeiro, o país que máis achega é Arxentina (165.334), seguida de Brasil (42.963), Cuba (41.756), Uruguai (36.859), Suíza (33.421), Venezuela (29.198), Estados Unidos (19.716), Francia (16.975), Alemaña (14.807), Reino Unido (13.069) e México (12.456).

Os electores residentes no estranxeiro que desexen votar deberán solicitar o seu voto á delegación provincial da Oficina do Censo Electoral (OCE) correspondente á súa inscrición ata o 7 de marzo.

As solicitudes poderanse enviar por internet. Para iso é necesario identificarse polo sistema Cl@ve ou utilizar a clave enviada co impreso oficial.

O impreso tamén está dispoñible nos consulados e nas páxinas web das administracións convocantes, do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación e do INE.

CONSULTA DO CENSO ELECTORAL

O censo electoral de residentes poderase consultar do 17 ao 24 de febreiro nos concellos e nas delegacións provinciais da oficina do censo electoral. Os electores residentes no estranxeiro poderán comprobar os seus datos de inscrición nestas mesmas datas nas oficinas consulares.

Os electores poderán presentar reclamacións aos seus datos de inscrición nos concellos, consulados ou nas delegacións provinciais da OCE no mesmo prazo, do 17 ao 24 de febreiro.

Tamén está dispoñible na Sede Electrónica do INE, un servizo de consulta aos datos de inscrición no censo electoral e da mesa e dirección do local electoral, previa acreditación do elector polo sistema Cl@ve (DNI electrónico, entre outros).

OPOSICIÓN A RECIBIR PROPAGANDA ELECTORAL

Os electores poden solicitar a exclusión das copias do censo electoral que se entregan aos representantes das candidaturas para o envío de propaganda electoral. Estas exclusións son continuas e teñen efecto permanente mentres o elector non se manifeste en sentido contrario.

Quen realicen esta solicitude ata o 24 de febreiro non recibirán propaganda electoral por parte dos partidos políticos na campaña electoral das eleccións autonómicas. As solicitudes posteriores a esta data terán efecto nas seguintes eleccións que se celebren.

A solicitude de exclusión pode realizarse por internet, acreditándose polo sistema Cl@ve, na Sede electrónica do INE ou nos concellos, oficinas consulares e delegacións provinciais da OCE.

A Oficina do Censo Electoral remitirá a cada elector residente en Galicia un cartón censal coa información da mesa e o local electoral onde lle corresponde votar. Será a partir do día 9 de marzo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta