Por GC Tendencias | Vigo | 03/10/2012 | Actualizada ás 11:57
Despois de azoutar o underground galego con Radiocontrol EP (Mama Vynila, 2011) e a súa split cos cataláns Piñata (Max Split, Mama Vynila, 2012), Telephones Rouges editarán a final deste ano xunto a Matapadre o seu primeiro LP, Disenso. O disco que se publicará a primeiros de Novembro poderá empezar a escoitarse a partir do Luns 15 de Outubro no seu bandcamp.
Son catro músicos do Grove, protagonistas desde hai tempo, da escena subterránea galega. O seu post punk sen pretensións xa se paseou por algunhas das salas máis recoñecidas do subsolo español.
Lendrone publican Uno
Por outra banda, Lendrone son unha banda da Coruña que fan rock de última xeración. Dirixidos polo mozo multiinstrumentalista Andrés Satué gravaron un disco cheo de exquisitos apoios electrónicos e que vai dar moito que falar. A súa primeira publicación será un LP de 11 temas que, publicado por Matapadre, verá a luz a finais de ano.
Unicornibot presentan o seu Dalle!
Despois da súa intensa xira de setembro que terminou xunto con Lisabö e Cave en Capitol (Santiago DC) hai só unha semana, este mes Unicornibot visitará Toledo (nunha festa matapádrica ao grande con DLP!) e o Levante. Logo visitarán a Coruña e pisarán por primeira vez Ferrol.
Nihil Obstat remata xira
Para despedirse ao grande, Nihil Obstat tocarán con Nudozurdo nos Teatros del Canal, visitarán Toledo por primeira vez para liala cos amigos Unicornibot e chegarán a súa casa, Lugo, para en plena xornada festiva, dar o último concerto da xira e adiantar algúns dos temas que publicarán en 2013. E é que a partir de Febreiro ou Marzo de 2013 o seu rock volverá percorrer toda España coa presentación dun segundo álbum que xa está a levantar expectación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.