Feijóo insiste en que está aberto a "calquera dirixente" de Ciudadanos "que se queira sumar"

Ve "imposible" pactar con "aqueles" que o queren "botar" da Xunta, entre os que sitúa a Vox.

Por E.P. | LUGO | 17/02/2020 | Actualizada ás 15:18

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, insistiu en que o PP galego, unha "organización transversal", está aberto "de par en par" a "calquera dirixente de Ciudadanos que se queira sumar".

Alberto Núñez Feijóo. XUNTA
Alberto Núñez Feijóo. XUNTA

"Ese é o proxecto que imos manter non nos próximos días, senón que o imos a manter ata que se pechen as listas electorais en 1 de marzo", manifestou Feijóo ao ser preguntado de novo pola proposta lanzada pola portavoz da formación laranxa no Congreso, Inés Arrimadas.

O líder do PPdeG subliñou que este é o seu proxecto. "Se alguén quere sumar para mellorar e ter máis seguridade dunha posible maioría absoluta do PP de Galicia e das persoas que conformen as listas co PP de Galicia, nós estamos a disposición", sostivo.

Tras iso, lembrou que el non forma parte de Ciudadanos. "O que lle desexo a Cs é que faga un bo congreso, que escolla ao mellor candidato ou candidata e que busquemos un acordo no centro dereita en España", manifestou.

Dito isto, pediu diferenciar o que pode ser unha estratexia interna da formación dos comicios galegos. "Cando a estratexia do congreso de Ciudadanos afecta o meu partido é cando eu creo que debemos de distinguir a estratexia do congreso de Cs, que terá lugar o 15 de marzo, da estratexia das eleccións galegas", apuntou.

ENQUISAS

Feijóo tamén se referiu aos resultados das enquisas electorais publicadas nas últimas xornadas que prognostican que podería manter a maioría absoluta. Respecto diso, aínda que asegurou que os resultados "animan a seguir traballando", considerou "non se pode dar un balón por perdido". "Temos que xogar todo o partido, e o partido non fixo máis que empezar", sostivo. E é que, segundo indicou, o único resultado que "vale" é o que dan as urnas.

PACTOS CON VOX

Preguntado sobre se estaría disposto a pactar con Vox se iso lle garantise lograr un cuarto mandato, Feijóo asegurou que esta formación "ten o mesmo obxectivo que o PSOE, Podemos e os nacionalistas", que é "botar a Feijóo da Xunta". "Cando vén a Galicia --Vox-- di moi claro cal é o seu obxectivo, que é botar a Feijóo da Xunta, con aqueles que nos queren botar, é imposible pactar", apuntou.

PACTOS ENTRE CASADO E SÁNCHEZ

Por último, a respecto da política estatal, considerou que "sería bo" que "houbese algún acordo" entre o xefe do Executivo estatal, o socialista Pedro Sánchez, e o líder do PP, Pablo Casado, pero avisou de que "os antecedentes non poden ser peores".

"De momento sempre que o secretario xeral do PSOE, o señor Sánchez, e o señor Casado se reuniron, o señor Sánchez ten un obxectivo, que é que saia mal calquera tipo de conversación ou contacto co PP", manifestou Feijóo, que asegurou que, polo momento, o socialista "sempre cumpriu o seu obxectivo".

Neste sentido, censurou que Sánchez dixese que "non" a todos as propostas lanzadas polo PP. "Ofrecémoslle na época de Rajoy formar parte do goberno, un pacto de lexislatura, dixo que non. E agora, despois do abrazo con Podemos 48 horas despois de votar e, por tanto, do non definitivo ao PP, a verdade é que os antecedentes non poden ser peores", expresou o líder dos populares galegos.

Por iso, considerou que, aínda que "as discrepancias entre Sánchez e o PP son coñecidas", "sería bo que puidese haber algún acordo". "Como representante do PP en Galicia e presidente do PP en Galicia, gústanme máis os acordos que as discrepancias", apuntou.

Feijóo pronunciouse deste xeito ao ser preguntado polos xornalistas tras manter un encontro con representantes do Comité de Empresa de Alcoa en San Cibrao, en Cervo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta